A compañía aAntena traerá a Rois a vindeira semana unha dobre actividade: un obradoiro de regueifas, impartido por Lupe Blanco e dirixido ao alumnado do CPPI dos Dices, e o espectáculo Relato para un incendio, aberto ao público xeral. Estas actividades enmárcanse no programa multidisciplinar e divulgativo A Ollada de Gustav, que desenvolve aAntena, e que ten por finalidade dinamizar o medio rural a través da cultura e poñer en valor a identidade e a tradición galegas.

O Concello de Rois foi un dos 12 municipios galegos seleccionados para a posta en marcha da Ollada de Gustav, proxecto favorecido na convocatoria de axudas Territorio Cultura da Xunta ao abeiro dos fondos Nex Generation da UE.

A primeira das actividades, o Obradoiro de Regueifas, desenvolverase a partir das 11.00 horas do luns 23 de xaneiro no auditorio municipal para o alumnado da ESO.

O venres 29 de xaneiro desenvolverase a segunda das actividades previstas: a representación da obra Relato para un incendio. O espectáculo, coproducido por aAntena, o Centro Dramático Galego (CDG) e o MIT de Ribadavia , está baseado no texto de Ernesto Is, gañador do 1º premio de creación do CDG. Será ás 19.00 horas, no auditorio e está aberto ao público xeral.

Relato para un incendio, dirixido por Xosé Leis e interpretado por Isabel Risco, Victoria Pérez e Manu Fernández, conecta a modo de teatro documento dous feitos que se produciron na comarca de Ordes, aínda que afastados no tempo. Dunha banda, a investigación de Henningsen, que se detivo especialmente nesta comarca nos anos 60, e doutra banda, a ruta incendiaria dunha veciña da contorna no 2016. Con estes dous fíos, técese unha obra que pon en valor o patrimonio cultural e natural e, ao mesmo tempo, reflexiona sobre a súa conservación e sobre o significado da figura das meigas en Galicia.

A Ollada de Gustav trata de dar a coñecer, conxugando pasado e presente, os traballos do antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, quen no ano 1965 e enviado por Julio Caro Baroja, visitou Galicia para facer un estudio etnográfico sobre as crenzas entorno á bruxería na nosa comunidade. Ao longo de 20 meses, o investigador desenvolveu un intenso traballo de campo por toda Galicia, deténdose de xeito especial na comarca de Ordes.