“Para min foi un libro terapéutico, que tardei dous meses en escribir. Síntome coma se tivese un fillo”, asegurou María Losada Vázquez durante a presentación da súa primeira novela, El club de los neurodivergentes, unha obra na que narra as vivencias de cinco mozos e mozas galegas con trastorno do espectro autista (TEA). O alcalde de Rois, Ramón Tojo, díxolle no acto organizado polo Concello que “contarnos a túa experiencia con TEA é un acto de xenerosidade e de enorme valentía”.

María Losada é unha moza de 21 anos que vive na Peruca (Rois), estuda o último curso de Filoloxía Clásica na USC e que cando tiña 18 anos foi diagnostica de Asperger (autismo de grado 1). Un diagnóstico que ela mesma cualifica como “revelación liberadora” que lle permitiu atopar explicación a moitas das cuestións e situacións da súa vida.

A obra, con certo senso autobiográfico, narra as vivencias de Julia, Leo, Manuel, Filipa e Eva, cinco mozos galegos con realidades socioculturais e socioeconómicas moi diferentes pero que teñen unha cousa en común: o trastorno do espectro autista (TEA). Durante 45 capítulos, María Losada narra vivencias persoais destas e doutras personaxes na vida cotiá, con momentos moi emotivos e tamén moi duros.

As historias céntranse na adolescencia dos protagonistas, “porque para min esa foi unha etapa que podería cualificar de dolorosa. Foi a época en que tiven máis incomprensión e na que máis sufrín acoso escolar, polo que me cambiaron de instituto”, dixo María Losada durante a presentación. A historia de El club de los neurodivergentes “narra o que a min me tivera gustado que sucedese cando tiña doce anos”, engadiu. Nesa etapa, “non tiven ese grupo de amigos aos que acudir, que se axudan entre eles e se aceptan tal e como son, sen esquecer que a vida real non é un coto de fadas”, afirmou.

Sobre o título do libro, a propia autora explicou que “neurodiverxente é un termo que engloba a aquelas persoas que padecen unha afección neurolóxica, como pode ser o autismo, o síndrome de Tourette, o TDAH, a dislexia, so síndrome de Down, o TOC, etc. Sobre todo, refírese aos autistas”, dixo.

María Losada escribiu a súa primeira novela durante o verán do pasado ano. Non descarta seguir escribindo, aínda que primeiro quere rematar o seu traballo de fin de grado e, tal vez, estudar outra filoloxía.  O público asistente ao acto animouna a facelo. “Non te rendas. Os soños cúmprense e tes unha linguaxe impoluta”, se dixeron algunhas das persoas presentes no acto, no que María Losada estivo acompañada por familiares e amizades, ademais de polo alcalde de Rois, Ramón Tojo; a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante; e a logopeda da Asociación Galega de Asperger, Noela Vigo Sar. A animadora sociocultural do concello, Anayansi Sing, e a educadora familiar, Uxía Pérez, mantiveron unha conversa coa autora, na que esta foi contando detalles da obra e dos motivos que a animaron a escribila.

“Visibilizar o talento dunha escritora tan nova”

Ramón Tojo dixo na presentación do acto sentirse orgulloso de poder “contribuír a visibilizar o talento dunha escritora tan nova” que ven demostrar que hai persoas dispostas a dar o relevo aos grandes escritores da comarca que contribuíron a engrandecer a literatura do noso país. “Vexo que, con humildade e moitas doses de creatividade e de imaxinación, segue a querencia polas letras”, dixo.

Para o alcalde, o feito de que María Losada conte a súa propia experiencia como persoa con autismo é “un acto de xenerosidade e de enorme valentía”. Por este motivo a considerou “un exemplo de superación polo que, sen dúbida, sorprenderás e contribuirás a romper moitos estereotipos das persoas con este tipo de trastorno”. Ramón Tojo tamén lle agradeceu a autora que relatara algunha historia centrada en Rois (entre outras, no libro fálase da praia fluvial de Seira).

O acto tamén contou coa intervención de Noela Vigo, logopeda de Asperga, que contou algunhas das características das persoas con trastorno do espectro autista, para dar a coñecer esta condición.Ao rematar, María Losada estivo asinando libros e facéndose fotos coas persoas asistentes á presentación de El club de los neurodivergentes.