Abre o prazo de solicitudes para o curso 2023/24 na Galiña Azul de Rois

As familias con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos poderán solicitar praza na escola infantil A Galiña Azul de Rois para o curso 2023/24 dende este venres 17 de marzo ata o mércores 5 de abril. No mesmo prazo solicitarase tamén a renovación de praza para a cativada que xa está matriculada no centro.

Tanto o formulario de solicitude como as bases do procedemento pódense consultar na sede electrónica da Xunta, así como nas páxinas web de Política Social e de Igualdade e Benestar.

Tanto as solicitudes de novo ingreso como de renovación de praza, así como a documentación requerida, presentaranse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta (procedemento BS404A), empregando a chave 365 ou calquera dos mecanismos admitidos.

Opcionalmente, tamén se poderán entregar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lguares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A presentación presencial poderá facerse así mesmo na propia escola da Galicia Azul de Rois, solicitando cita previa no número de teléfono 981 804 488.

Ademais, as familias poderán obter máis información ou solventar dúbidas co procedemento poñéndose tamén en contacto coa Galiña Azul de Rois, tanto a través do teléfono (981 894 488) como do correo electrónico (escolainfantil.rois@igualdadeebenestar.org).