A veciñanza roisense e de moitos outros lugares de Galicia achegáronse onte ata o campo da festa para ver a última gala do Play Tour Panorama 2022. Lito Garrido, o líder dunha das orquestras máis famosas de Galicia e do panorama musical español, non quixo defraudar ás máis de 4.000 persoas que se deron cita na Festa da Xuventude de Rois e regaloulles varios minutos adicionais dun espectáculo que sorprendeu.
A actuación da Panorama comezou coa súa particular versión de Terra, o tema que fixo famosas as Tanxugueiras, e continuou con Jocker. Todo un espectáculo audiovisual no que os e as profesionais da orquestra sorprenderon cunhas vistosas coreografías a un publico moi variado. No campo da festa déronse cita dende adolescentes ata avós e avoas, e mentres estes admiraban os movementos dos e das artistas sobre o escenario, a mocidade non deixaba de bailar e moverse ao ritmo da música e dos cantantes.
A Festa da Xuventude, que organizou o Concello de Rois, comezou coa actuación de Disco Móvil Chocolate e DJ Tito Maveric. A medida que soaba a música íase enchendo o campo da festa, que chegou ao seu culme unha media hora despois de que a Panorama arrancase o seu primeiro pase. Segundo a organización, máis de 4.000 persoas déronse cita nun evento co que a orquestra pechaba este ano a súa gala Play Tour Panorama 2022, que a levou de xira por toda España.
Ao remate desta primeira actuación, e vendo que o público non deixaba de bailar e cantar, Lito Garrido prometeulles uns quince minutos máis de concerto. A Festa da Xuventude de Rois resultou todo un éxito, segundo moitas das opinións que se oían no campo da festa entre asistentes de todas as idades.
Para a organización da Festa da Xuventude, o Concello de Rois contou cunha subvención da Deputación da Coruña para reactivar o sector das orquestras.