- Interpretaron dúas pezas cada grupo durante o festival de fin de curso da escola media estatal de Lido e Pelestrini
- Forma parte do intercambio da Escola Municipal de Música que está a realizar tamén co Liceo de Venecia
30-05-2018. Venecia. Os once representantes da Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois e os tres profesores, que participan no intercambio en Venecia co instituto comprensivo Franca Ongaro e co Liceo Musical, actuaron hoxe no concerto de fin de curso que a escola media estatal de Lido e Pelestrini ofreceu no centro F. Morosini de Lido. Tamén os cinco representantes do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima que forman parte da expedición puideron actuar, interpretando dúas pezas que levantaron numerosos aplausos entre o público presente coa súa interpretación de “Fontefría” e “Avideira”.
Esta actividade forma parte do intenso programa que a expedición de Rois está a levar a cabo na súa visita a Venecia neste intercambio cultural e musical que promove o Concello coa axuda da Dirección Xeral de Xuventude, e que lles permitiu a todos coñecer algúns dos monumentos máis representativos da cidade italiana, culturalmente unha das máis importantes de Italia.
Na actuación de hoxe, os membros da ESMU de Rois interpretaron dúas pezas: “Quen poidera namorala” e “Imagine”, cantada por Romina Pérez, Sabela Rodríguez e Iria Rodríguez. Ana Salvado e Aroa Boga (coros), Jacobo Cristobo (baixo), Martín Diéguez (guitarra), David García, Andrea García e María González (teclado), Xoel Cristobo (batería) e Manuel Villar (trompeta), dirixidos por Esperanza Mara Filgueira, conformaron o grupo de Rois, que conseguiu que os espectadores se puxeran de pé formando un círculo collido das mans. O grupo de Chorima está formado por Olimpio Iglesias, Antía Vicente, Eva Somoza, Sara GRille e Begoña Ares.
Para Olimpio Iglesias, director de Chorima, este intercambio supón unha “oportunidade maravillosa” para os nenos e nenas da Escola Municipal de Música de Rois, “que lles permite coñecer outra cultura, costumes novas e convivir coas familias nunha cidade importante como Venecia”.
Dende o punto de vista musical, para Olimpio Iglesias “o alumnado de Rois puido coñecer unha escola que ten unha grande calidade e que conta con moitos medios”.
Olimpio Iglesias tamén recoñece que este intercambio “é importante para Chorima. Estamos contentos, aínda que botamos en falta poder ter en Venecia unha representación con máis persoas e traer as gaitas”. Algúns dos membros de Chorima non poden estar en Venecia ao non poder compaxinar a viaxe cos exames universitarios destas datas.
A expedición de Rois en Venecia está formada por máis de vinte persoas, entre alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, do OCT Chorima, o representante do concello e algúns familiares.
O intercambio está promovido polo Concello de Rois, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, e xurdiu tralo irmandamento que no mes de novembro se firmou en Rois con concellos de Italia, Hungría e Eslovaquia. No mes de setembro, será o alumnado dos dous centros italianos o que devolva a visita a Rois, para afondar nesta iniciativa que pretende establecer lazos comúns entre a xuventude galega coa de outros países europeos, para facer máis Europa.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, destaca a importancia desta iniciativa promovida polo Concello como un xeito de que “a nosa xuventude poida coñecer a cultura, a música e a realidade doutros países. Nesta ocasión viaxamos a Venecia, unha cidade que foi fundada hai 1.500 anos, que, culturalmente, é unha das máis importantes de Europa”, sinala Ramón Tojo. O alcalde tamén resalta o feito de que a tradición e a música galega se poida escoitar nun concello como o de Venecia, que é cinco veces máis grande que Rois e ten máis de 150.000 habitantes”.
O grupo ofrecerá o segundo concerto o venres, 1 de xuño, sobre as 10.00 horas. Nesta ocasión será con membros do Liceo Musical de Venecia, no que estudia alumnado de Secundaria.