O segundo intercambio con Letonia permitiulle á Escola Municipal de Música de Rois colleitar moita emoción, agradecementos e aplausos durante os concertos que ofreceu en catro localidades do condado de Rezekne que visitou nesta viaxe, e que contaron cunha media de asistentes superior ás cen persoas en cada un. As autoridades locais agradecéronlle á concelleira Victoria Quiroga a implicación do Concello con esta iniciativa, que serve para seguir estreitando lazos de amizade entre Rois e Letonia e reforzando o sentimento de pertencer á Unión Europea. A delegación roisense, integrada por 27 persoas, regresou este luns despois dunha intensa semana de actividades.

‘Lela’, con Katarina Mélikhova como solista, foi o tema que máis sorprendeu ao público letón do repertorio ofrecido nesta viaxe pola agrupación roisense, formada por profesorado e alumnado da ESMU e do CPPI Os Dices dirixidos por Manuel Villar. Se a interpretación do xoves facía aparecer algunha bágoa entre o público de Luznava, este domingo provocou que algúns dos asistentes ao concerto en Berzgale se levantaran dos seus asentos.

O Himno Galego foi outro dos temas que tamén cativou ao público nas catro actuacións. A sorpresa saltaba o venres no concerto de Vilani, cando a directora da escola de música desta localidade, Inta Brence, e o da escola de Malta, Normunds Stekelis, cantaban co coro de Rois amosando nesta ocasión unha bandeira galega ao público presente.

O sábado, os músicos das tres escolas (Rois, Malta e Vilani) participaban como invitados, pechando as actuacións da tarde, no festival conmemorativo do Día do Condado de Rezekne, que se celebrou no val de Ancupanu. Neste festival participaron numerosos grupos locais que durante todo o día e boa parte da noite animaron unha festa na que a música, a artesanía e a animación de rúa foron os protagonistas.

Tras actuar en Luznaga, Vilani e no festival do Condado, a comitiva de Rois ofrecía este domingo, día 23, o seu último concerto en Letonia. Foi durante os actos de celebración de Anna na localidade de Berzgale, onde ofreceu o único concerto en solitario desta viaxe.

O repertorio ofrecido pola ESMU nesta viaxe incluía dúas pezas populares letoas e obras de Mozart, José Luis Perales ou Leonard Cohen, ademais da popular peza galega Lela, ademais dos himnos galego e letón. Os arranxos musicais para estas actuacións foron feitos polo profesor da ESMU Gabriel Miguéns

Visitas culturais e lúdicas

A viaxe da comitiva roisense a Letonia contou tamén cunha apretada axenda de actos lúdicos e culturais. Na súa estadía no condado de Rezekne, rapazada e maiores puideron montar a cabalo, visitar a granxa-museo Lugatlu Sata para ver como se vivía en Letonia no século XIX. Aquí puideron facer diferentes instrumentos musicais, como maracas ou asubíos, utilizando cortiza de árbores autóctonas, que membros da expedición levan como recordo para Rois.

A localidade costeira de Jurmala, a máis turística do país que está situada no golfo de Riga, no mar Báltico, foi a primeira visita que fixo a expedición galega despois de chegar a Riga, a capital de Letonia. Tamén visitaron o lago Raznas xunto co parque natural que o rodea, onde puideron facer deporte multiaventura, e a basílica de La Asunción, en Aglona.

Durante esta semana de intercambio, membros da delegación roisense puideron compartir horas de ensaios, traballo e lecer con alumnado e profesorado das escolas de música de Malta e Vilani. Unha relación na que se afondou durante a cea de confraternidade celebrada o venres e que estivo animada por un grupo folclórico local.

A delegación do Concello de Rois que viaxou a Letonia estivo encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e o director da ESMU, Manuel Villar. Formaron parte da mesma alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, alumnado do CPPI Os Dices e as técnicas municipais Anayansi Singh e Uxía Pérez.

Integrantes da delegación roisense

Nesta segunda viaxe a Letonia, a delegación do Concello de Rois estaba integrada por as seguintes persoas:

Victoria Quiroga, concelleira de Cultura, e Manuel Villar, director da ESMU. Alumnado da ESMU: Víctor Abascal, Aroa Boga, Diego Bralo, Rocío Casal, Óscar Cordo, Grécia Domínguez, Celtia Insua, Pepa Lenzós, Katarina Mélikhova, Amelia Miguéns, Ileana Piñeiro, Aitana Rodríguez, Iara Rodríguez, Fernando Soto e Anrís Soto. Alumnado do CPI Os Dices: Samira Benaria, Xosé García, Carmen Pardal e Carmen Romarías. Profesorado da ESMU:  Martín Chaves, Fabián Jamardo, Anna Mélikhova e Brais Villar. Anayansi Singh (xestora cultural do Concello) e Uxía Pérez (educadora familiar).

Cuarto intercambio internacional

A iniciativa do intercambio entre as escolas de música de Rois e as de Vilani e Malta (Letonia) xurdiu tras a reunión que celebraron en novembro de 2021 en Rois representantes dos 27 países da Unión Europea dentro do proxecto liderado polo concello As voces europeas contra o euroescepticismo. 

En setembro de 2022, unha delegación da ESMU viaxou a Letonia e, a semana seguinte, foi a delegación letoa a que veu coñecer Rois, no primeiro intercambio entre as escolas de músicas de ambos países. Foi durante a recepción oficial no Concello cando os directores das escolas de música de Malta e Vilani, Normunds Stekelis e Inta Brence, cursaron a invitación para esta segunda viaxe a Letonia que acaba de rematar a ESMU de Rois. 

Esta é a cuarta viaxe internacional que fai o alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois. A primeira experiencia tivo lugar en Venecia, entre o 27 de maio e o 1 de xuño de 2018, mentres que en abril de 2019 celebrouse un intercambio coa localidade húngara de Pasztó. En ámbolos dous casos formaron parte da comitiva roisense integrantes do OCT Chorima. O de Letonia en 2022 foi o terceiro intercambio musical financiado e promocionado polo Concello de Rois no que participou a ESMU, que nesa ocasión estivo acompañada tamén por alumnado do CPPI dos Dices.