Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois inician un novo intercambio musical, nesta ocasión viaxando o municipio asturiano de Piloña, no que ofrecerán un concerto coa Escola de Música El Ablanu coincidindo coa celebración das festas de Santo Antonio en Infiesto. 

O alcalde de Rois acudiu este xoves ata o multiúsos para despedir a comitiva, encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; polo director da ESMU, Manuel Villar, e pola xestora cultural Anayansi Singh.  

Ramón Tojo volveu insistir na importancia de que o alumnado de Rois participe nestes intercambios musicais “que lles permiten coñecer outras culturas e ampliar o seu  aprendizaxe musical”. Para este intercambio, o grupo leva ensaiando todo este curso.

O alcalde acudiu tamén ao último ensaio do grupo, celebrado este mércores no auditorio municipal. Antes de interpretar diante de familiares e amizades o repertorio que tocarán en Asturias, Manuel Villar agradeceu a aposta que fai o Concello pola ESMU e por manter estes intercambios. “Viaxar coa escola e traballar co alumnado é un orgullo e sempre merece a pena. Para participar, todos traballamos máis, ensaiamos máis e aprendemos novo repertorio”, asegurou o director, que agarda que pronto poidan ofrecer un concerto durante as festas do Santo Isidro.

Neste novo intercambio da Escola Municipal de Música de Rois participan 11 alumnos e alumnas, así como tres profesoras, ademais do director, acompañados por Victoria Quiroga e Anayansi Sing.

Tras a chegada este mediodía a Piloña serán recibidos pola directora da Escuela de Música El Ablanu, Patricia Miriam Martínez, xunto con alumnado e profesorado da escola, que os acompañarán a coñecer a contorna.

Este intercambio coincide coas festas de Santo Antonio en Infiesto, o que lle permitirá ao grupo coñecer polo miudo as tradicións deste municipio asturiano.

Mañá, venres, ás sete da tarde a Agrupación instrumental da ESMU de Rois ofrecerá un concerto no que interpretará catro temas: Mamma Mia, It’s My Life, Cando caia o sol e o tema das Tanxugueiras Hoxe, mañá e Sempre. Os arreglos musicais para esta actuación foron realizados por Gabriel Miguéns (os dous primeiros) e por Xiao Berlai.

O concerto rematará coa actuación conxunta das dúas agrupacións (Rois e Piloña), que tocarán Miña terra galega o tema tradicional asturiano La rapacina.

A comitiva aproveitará a fin de semana para coñecer tamén Oviedo, Covadonga e Cangas de Onís, ademais de poder gozar nas festas patronais de Piloña.

Este intercambio en Asturias súmase aos que xa promoveu o Concello de Rois coa ESMU en Venecia, Hungría, Letonia e Portugal.