Un ano máis chega A Cultura Dispersa por Rois para encher o verán das parroquias roisenses de música, contacontos e outros espectáculos culturais. O programa iníciase este mesmo sábado, 23 de xullo, coa actuación da cantante Pili Pampín no campo da festa de Ribasar, para amenizar a sobremesa do primeiro xantar popular das festas de Santa Mariña.
Na primera semana de agosto, en concreto o domingo 7 de agosto, haberá función dobre: o grupo folclórico Os Jaitas Blue estarán no campo da festa de Aguasantas e a Banda da Escola de Música de Rianxo achegarase ao campo da festa de Urdilde. Ámbalas dúas actuacións desenvolveranse ao mediodía logo das respectivas misas solemnes.
Tamén despois da misa, pero neste caso o mércores 17 de agosto, tocará a Banda de Música de Lousame para desfrute de todas as persoas que acudan ás festas de Oín.
O público infantil contará cun espectáculo específico o xoves 25 de agosto no campo da festa de Seira, coa representación de ‘O tranvia Leonardo’ a cargo de Fantoches Baj a partir das 20.00 horas.
O narrador Celso F. Sanmartín pechará o programa de A Cultura Dispera o domingo 28 de agosto no campo da festa de Leroño. Entreterá aos asistentes cos seus contos á tardiña, despois das Olímpíadas leroñenses.