A profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois, Ana Chouza, presenta un segundo bloque de actividades coa crise do coronavirus e as súas implicacións emocionais como eixo. Esta iniciativa pretende que tanto a veciñanza que viña asistindo aos talleres de memoria como o resto da poboación realice uns exercicios que lles permitan manter a mente activa durante o confinamento.

Ana Chouza presenta as actividades cun texto introdutorio sobre o ciclo do coronavirus, referíndose ao proceso de dó co que a poboación afronta esta situación. Tamén achega enlaces de interese para promover o autocoidado persoal, incluído o psicolóxico. Por último, Chouza dá unhas pautas a seguir para facer as fichas, que se poden descargar nos ficheiros adxuntos.

Canto aos exercicios, a canción ‘Resistiré’ utilizarase para falar de emocións, hai fichas para traballar a concentración e a memoria, tamén enlaces a webs e aplicacións de estimulación congnitiva… Mesmo hai unha proposta para escribir unha historia sobre as lendas dos personaxes fantásticos que habitan en Rois; en palabras de Ana Chouza: “Esa historia que tanto nos emocionaba e que nos gustaría que coñeceran os nenos e nenas de hoxe en día”.

 

O CICLO DO CORONAVIRUS

Imos chamalo ciclo porque imos tratalo como un dó, a maioría imos pasar por unhas fases que son similares ás fases do dó (tanto por perda dun ser querido como por una xubilación, unha ruptura sentimental, un cambio de vivenda…). Este dó, como calquera emoción, é necesario na súa xusta medida e axudaranos a adaptarnos ante a nova situación que nos toca vivir.

O coronavirus fai que nos enfrontemos a emocións incómodas, ao medo que en moitos casos nos angustia, a escoitar explicacións dos sanitarios sobre como están vivindo estas atípicas situacións e que moitas veces nos asustan, a non saber cando e como vai rematar…

Pero o que si sabemos é que isto vai pasar, o coronavirus ten os días contados; igual que xa aconteceu antes con outras pandemias ou situacións difíciles polas que tivemos que pasar, ben en grupo ben individualmente. Pero todo pasa. A mellor maneira de afrontar esta situación, como sempre digo, é cunha mentalidade positiva, con humor, cunhas risas… Canto mellor coñezamos o proceso ou as fases polas que imos pasar mellor afrontaremos esas emocións e ademais dun xeito máis saudable e dende unha perspectiva positiva.

Poderiamos resumilas nas seguintes fases ou etapas:

  1. O comezo: aparición do coronavirus en China.
  2. Negación: etapa inicial cando temos que vivir cambios non desexados. Pódese dicir que é a máis difícil de asimilar, nunca pensamos que nos vai pasar a nós. Como foi neste caso, pois pensabamos que “aquí non vai chegar”, “é unha gripe mais”
  3. Ira ou enfado: cando nos decatamos de que xa chegou. E pensamos que non se fixo nada para evitalo, que igual non se tomaron medidas suficientes, debéronse suspender as manifestacións, eventos deportivos…
  4. Medo: a incerteza de non saber o que nos vai pasar. Por un lado existe un medo san, que é o que fai que nos protexamos e sexamos prudentes e quedemos na casa. Pero por outro lado, está o medo tóxico, que fai que nos paralicemos e nos leva ao nerviosismo, a ter comportamentos que nos fagan dano a nós mesmos pero tamén aos demais.
  5. Tristeza: tocamos fondo. Estamos tristes porque xa coñecemos persoas afectadas ou incluso nós, vemos a cifra de mortos, de infectados…
  6. Aceptación: esta é a realidade. Pero temos que enfrontarnos a esta realidade que nos toca vivir, facéndoo dende unha mentalidade positiva. Temos que renovarnos e seguir adiante, con novos hábitos e ánimos, con confianza en nós mesmos, abrirnos a novas aprendizaxes e dándonos de conta das ensinanzas que nos está dando esta nova crise.
  7. Aprendizaxe: cando por fin xa todo pasou, ou está pasando, e son máis forte. De seguro que volverán novas crises e momentos difíciles, pero estas novas aprendizaxes vanme servir para afrontar mellor eses novos problemas.

Estas fases son lineais, pero non teñen porque ser progresivas, subiremos e baixaremos ata que esteamos preparados para afrontar a realidade e para aprender. Canto máis sinceros sexamos con nós mesmos, máis rápido cruzaremos estas fases.

20200421 ficha memoria 2

Hoxe adxunto un documento cuns consellos para que nos sigamos coidando a todos os niveis, e por suposto psicoloxicamente, mentres dure esta situación do coronavirus, provén do COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOGOS DE GALCIA (COPG) e do COLEXIO OFICIAL DE FARMACEUTICOS DA PROVINCIA DE A CORUÑA. No enlace: https://copgalicia.gal/system/files/PDFs/xerais/10_consellos_psicoloxicos_para_coidarnos_na_emerxencia_sanitaria_polo_covid19.pdf

Esta situación ten un comezo e un final; desta saímos xunt@s.

Tamén podemos votar unha ollada na páxina oficial de psicólogos onde aparecen mais publicacións de interese: https://copgalicia.gal/novas/xeral/materiais-e-recursos-utiles-desde-psicoloxia-con-motivo-da-emerxencia-sanitaria

LEMBRAR QUE O 112 TAMEN TEN DISPOÑIBLE UN SERVIZO DE ATENCION PSICOLOXICA AS 24 HORAS.

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

ÁNIMO!!! XA FALTA MENOS PARA BOTARMOS UNHAS RISAS XUNTOS.