O Concello de Rois, como unha das entidades organizadoras, participou un ano máis na gala dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolveu no Pazo da Cultura de Narón o pasado sábado, 1 de febreiro. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, encabezou a delegación roisense e foi a encargada de entregar o Premio Revelación, que levou Galiactiva.
Na gala dos Premios Youtubeiras+, presentada por Javi Sánchez e que contou coa actuación musical do grupo De Ninghures, deuse a coñecer o fallo do xurado, decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 5.056 persoas.
Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de canle de YouTube e Sara Seco levou o galardón á canle de TikTok. Pola súa banda, Prado Rúa acadou o Premio á Creación de Contidos, Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística, Rebelico Revista conquistou o Premio Rede e Galiactiva gañou o Premio Revelación. O vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego, logrou o Premio do Público. Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle de Youtube e Canle de TikTok están dotados con 1250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1000 euros.
ACTA DO XURADO
O xurado, conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística doConcello de Ourense; Sara Varela, guionista; e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:
Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”. Sara Seco acada o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun “amplo abano de colaboracións”. Prado Rúa faise co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”.
O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”. Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”.
Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, amais de 41 vídeos.
A GALA
Javi Sánchez presentou unha gala na que se repasou e a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Sánchez tamén fixo xirar o espectáculo ao redor do lema desta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, Fachenda ao cadrado. Precisamente, a fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego converteuse nun dos leitmotivs da noite.
Durante a gala tomou a palabra a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, quen sinalou que a gala representa “un recoñecemento ao noso patrimonio máis importante, a nosa lingua, e tamén á creación de contidos dixitais en galego”. Ferreiro, ademais, fixo referencia aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten a baixada no número de galegofalantes para asegurar que “reverter esta situación é cousa de toda a sociedade”, así como subliñar que “neste contexto proxectos como Youtubeiras+ cobran aínda máis importancia”.
Pola súa banda, a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, celebrou o “traballo” e o “compromiso” coa lingua da comunidade creadora de contidos en galego na Rede, ao tempo que puxo en valor iniciativas como o proxecto Youtubeiras que implican unha necesaria “unión, colaboración e forza común ao redor da lingua”.
Youtubeiras+ é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, entre os que está Rois; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos.
Xunto a Victoria Quiroga, concelleira de Educación, Cultura e Lingua de Rois, acudiron á gala representantes das demais entidades organizadoras: a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Ánxeles Pacoret Rodríguez; a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, e a vicerreitora Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, M.ª Cristina Naya Riveiro.

RELACIÓN DE GAÑADORAS POR CATEGORÍAS
CANLE DE YOUTUBE.
GAÑADOR: Exécito Mekemeke (Ames)
FINALISTAS
● IagoRAW (Lugo)
● O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
CANLE DE TIKTOK.
GAÑADORA : Sara Seco (Santiago de Compostela)
FINALISTAS
● pradorua (Ourense)
● Konachadas (Ames)
CREACIÓN DE CONTIDOS.
GAÑADORA: Prado Rúa (Ourense)
Finalistas:
● Rodri Míguez (Bueu)
● Anxo Sánchez (Lugo)
REVELACIÓN.
GAÑADOR: Galiactiva (Ourense)
Finalistas:
● Arquivo Anab (Xinzo de Limia)
● Carlota Casal Ramos (Melide)
CALIDADE LINGÜÍSTICA.
GAÑADOR: Luís do Río (Santiago de Compostela)
FINALISTAS
● A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)
● Galego para Peques (Monterroso)
REDE.
GAÑADORA: Rebelico Revista (Vigo)
FINALISTAS
● OU ké! (Ourense)
● Pablo Rodríguez Vila (Lugo)
PREMIO DO PÚBLICO. GAÑADOR: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)
FINALISTAS
● Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)
● Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra)
