O alumnado da Escola Municipal de Música de Rois e do CPPI Os Dices conseguiu emocionar hoxe ao público que asistiu ao concerto que ofreceu na compaña da Malta Musical School durante o intercambio que a comitiva roisense está a facer no distrito letón de Rezekne. A actuación rematou coa interpretación conxunta dos himnos galego e letón e conseguiu que aparecesen algunhas bágoas entre as persoas presentes.
Este é o primeiro dos concertos que ofrece en Letonia a comitiva roisense, formada por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música e do CPPI Os Dices e que está encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e pola xestora cultural do Concello, Anayansi Singh.
‘Los niños queremos la paz’ e ‘Lela’, cantada por Lucía Rabuñal, foron dous dos temas interpretados pola ESMU, que se atreveu tamén con dúas melodías da música popular letoa. A continuación, actuaron alumnado e profesorado da escola de música da localidade letoa de Malta, para finalizar o concerto coas dúas agrupacións interpretando xuntas varias pezas e tocando os himnos galego e letón.
Rematada a actuación, o director da Escola de Música de Malta, Normands Stekelis, agradeceu a colaboración da comitiva roisense entregándolle agasallos á concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; ao director da ESMU, Manuel Villar; á xestora cultural Anayansi Singh e á profesora de canto da ESMU Anna Melikhova, que está exercendo de tradutora e foi quen deseñou o logotipo das camisetas que levan os artistas galegos (unha clave de sol e unha clave de fa unidas nun corazón)
Esta tarde de mércores, a comitiva roisense repetirá actuación na Escola de Música de Vilani, e mañá viaxará ata Riga, para coñecer tamén a capital letoa.