O alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañou esta mañá á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e ao alcalde de Brión, Pablo Lago, na visita que fixeron á parroquia de Ribasar para comprobar o resultado das obras de acondicionamento do viario que vai rematar co illamento de Codesido, ao facilitar a saída cara o núcleo brionés de Sabaxáns.

A mellora deste viario foi posible grazas a colaboración entre os concellos de Rois e Brión, que aportaron cada un 42.220 euros, para executar unha obra que contou cunha axuda da Xunta de Galicia de 50.000 euros.

Rois foi o promotor desta obra para facilitarlle unha saída á veciñanza de Codesido cara a Brión nos días de moita choiva, porque cando o río Sar inundaba a vella ponte deixaba o núcleo illado. O proxecto foi presentado conxuntamente polos dous concellos e contou cunha axuda da Xunta a través da orde de Infraestruturas de uso público.

“Aquí non hai marcos nin barreiras. Temos que colaborar entre as diferentes administracións para mellorar a vida da nosa veciñanza porque, ao final, todos somos cidadáns do mundo”, afirmaron Ramón Tojo e Pablo Lago durante unha visita previa que fixeron a Codesido hai uns días.

Belén do Campo resaltou durante a súa visita hoxe a Codesido que ambos municipios promoveron esta actuación prioritaria para mellorar o pavimento, a accesibilidade e a seguridade nunha vía de intenso tráfico peonil e rodado. O tramo no que se actuou sitúase no camiño de acceso á aldea de Codesido, parroquia de Ribasar, nas proximidades do límite entre ambos concellos. “Trátase dunha vía de comunicación estratéxica e moi frecuentada pola veciñanza”, asegurou a delegada da Xunta na Coruña.

Ademais, este vial adquire unha especial relevancia durante os períodos de fortes choivas, cando Codesido quedaba incomunicado polas inundacións do río Sar. Nestes casos, esta estrada convértese na única vía de acceso e saída da localidade, polo que era necesaria a súa mellora para garantir as condicións adecuadas de seguridade e mobilidade, indicou a representante da Xunta.

As actuacións incluíron a limpeza, formación e perfilado de cunetas, así como o acondicionamento das marxes do viario. O proxecto contemplou tamén a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para garantir un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación da sinalización viaria necesaria.

O proxecto conseguiu mellorar o pavimento e a accesibilidade, aumentar a seguridade viaria, facilitar o tránsito rodado, reforzar as comunicacións intermunicipais, mellorar as infraestruturas básicas e contribuír á calidade de vida da poboación das áreas rurais. A presentación conxunta do proxecto por parte dos concellos de Rois e Brión permitiu ademais un aforro estimado de entre o 5% e o 10% nos custos da actuación, grazas ao maior volume de obra e á optimización de recursos, como o traslado único da maquinaria á zona de actuación, segundo indicou Belén do Campo durante a súa visita a Rois.

Novo proxecto conxunto para Vilar de Abade

De cara ao futuro, Ramón Tojo e Pablo Lago aseguran que Rois e Brión seguirán “colaborando noutros moitos proxectos para beneficiar a veciños e veciñas dos dous municipios”. Neste senso, adiantan que que están a negociar “outro proxecto conxunto en Vilar de Abade para mellorar a saída cara a Bastavales”.