A Biblioteca Municipal de Rois ultima os trámites para adherirse ao sistema de xestión KOHA da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Despois de permanecer pechada durante a segunda quincena de agosto, o proceso de  instalación do novo sistema está chegando ao seu fin co obxectivo de permitir, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socios e socias, que comezarán a ser válidos en toda a Rede.

Rois entra na terceira fase de migración do anterior sistema Meiga, usado ata o de agora, ao KOHA. Isto posibilitará a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia, coa creación dun catálogo único e a unificación do traballo do persoal técnico das bibliotecas. Outra das novidades que trae consigo a instalación deste novo sistema é a creación dun carné único para todas as usuarias e usuarios das bibliotecas, puidendo acceder aos servizos de todas as integradas na Rede. As socias e socios deberán pasar no mes de setembro e outubro a recoller o seu novo carné de biblioteca.

Grazas a isto os usuarios e usuarias poderán dispoñer dun fondo documental de 900.000 títulos con máis de 2.900.000 exemplares. Outra ventaxa será a posibilidade de levar a cabo calquera trámite, incluso a renovación de préstamos, desde calquera centro integrado na rede.

A responsable da biblioteca está xa a formarse na xestión e emprego do novo sistema, proceso que levará un tempo en executarse e que suporá un cambio na calidade do servizo. Por este motivo, a biblioteca pechará ao público na segunda quincena de agosto para poñer a punto a biblioteca.