Ruta de sendeirismo inspirada na obra En las orillas del Sar de Rosalía de Castro, promovida polos concellos de Rois, Dodro e Padrón en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Senda circular cun percorrido á beira do Sar de dificultade moderada que permite descubrir as fermosas paisaxes de Terras de Iria que inspiraron á escritora galega máis universal.
Del antiguo camino a lo largo, ya un pinar, ya una fuente aparece, que brotando en la peña musgosa con estrépito al valle desciende. Y brillando del sol a los rayos entre un mar de verdura se pierden, dividiéndose en limpios arroyos que dan vida a las flores silvestres. Y en el Sar se confunden, el río que cual niño que plácido duerme, reflejando el azul de los cielos, lento corre en la fronda a esconderse.
No lejos, en soto profundo de robles, en donde el silencio sus alas extiende, y da abrigo a los genios propicios, a nuestras viviendas y asilos campestres, siempre allí, cuando evoco mis sombras, o las llamo, respóndenme y vienen. 'En las orillas del Sar', 1884
O inicio da ruta Rosalía nos camiños está no monumento a Rosalía De Castro, no paseo do Espolón de Padrón, onde remata despois de percorrer uns 16 quilómetros e pasar por algúns dos lugares máis destacados na vida e na obra da poeta.
Comezamos a andaina cruzando o río Sar pola ponte que está preto da praza de abastos e collemos a vella estrada de Padrón a Ribeira (AC-307) cara Dodro. Pasamos a fonte Vilar, o pazo de Lestrobe e a praza do Peixe. Se nos desviamos uns dez metros no centro de Lestrobe podemos ver as Torres de Hermida ou pazo de Hermida, onde Rosalía de Castro pasou longas temporadas da súa vida, aquí naceron os seus fillos xemelgos e escribiu varias obras. Rosalía adoitaba comezar os seus paseos pola zona na fonte de Santa María, situada a poucos metros do pazo, por onde pasamos para subir ata o Santiaguiño do Monte.
A senda baixa polas escaleiras do monte San Gregorio (ou Santiaguiño) e logo discorre pola Trabanca, pola Torre, e vai pola Presa, pola marxe dereita do río Sar ata chegar a Fondóns, onde Rosalía se inspiraba para escribir. Nesta zona xa do municipio de Rois, despois de pasar o muíño de Maquía e a ponte natural construída por Camilo Seira cun salgueiro e pedras, atópase a placa que o Concello de Rois puxo o 24 de febreiro de 2021 cu poema no que a escritora fala de Fondóns.
Seguimos ruta xunto ao río Rois ata a praia fluvial de Seira, e logo baixa pola marxe esquerda deste río e do Sar, cruzando varias pasarelas de madeira construídas polo concello de Rois ata chegar á igrexa de Iria Flavia e rodear o cemiterio de Adina, onde Rosalía estivo soterrada entre 1885 ata 1891, cando se trasladaron os seus restos ao panteón de Galegos Ilustres en Santiago.Esta senda amiga lévanos de seguido ata a Casa Museo e sede da Fundación Rosalía de Castro, antes de volver de novo ao casto histórico de Padrón e pasar xunto á casa da rúa Xoán Rodríguez onde Rosalía viviu cando era nena. Uns metros máis adiante regresamos ao paseo do Espolón, onde remata esta andaina.
Puntos de interese
1.- Monumento a Rosalía de Castro (Padrón)
O monumento a Rosalía de Castro no Paseo do Espolón foi unha doazón dos padroneses residentes en Uruguai. A estatua inaugurouse o 23 de abril de 1957, luns de Pascua, nun acto que estivo presidido polo cardenal de Santiago de Compostela Quiroga Palacios. É obra do compostelán José María Mateos, discípulo de Asorey.
Situado a carón do Sar e á sombra dos pradairos, este monumento é un punto de reunión e tamén de celebración das moitas homenaxes que a vila de Padrón lle tributa á súa escritora máis universal. Aínda que naceu en Compostela, Rosalía pasou gran parte da súa vida en Padrón, vila que alternaría como lugar de residencia con outros pobos e cidades.
Nesta terra tal encanto se respira... Triste ou probe, rico ou farto de querbanto, ¡se encariña nela tanto quen baixo o seu ceu se crobe...! Os que son nela nacidos, os que son dela mimados, lonxe dela están doridos porque van de amor feridos por quen fono amamantados. Cantares Gallegos (1863)
2.- Fonte Vilar e palacio de Lestrobe (Dodro)
A Fonte Vilar sitúase no límite de Dodro con Padrón, en Lestrobe. Un machón granítico sobre o que se labrou o escudo de Dodro indica o inicio do termo municipal. O cano do que brota a auga fresca está adornado por unha cabeza de león.
A só uns metros da fonte atopamos o Palacio de Lestrobe (s. XVIII). O edificio que noutrora fora residencia de recreo dos prelados composteláns está na actualidade dedicado á restauración.
Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrobe. Cantares Gallegos (1863)
3.- Pazo de Hermida (Dodro)
O Pazo de Hermida é na actualidade propiedade privada e conta coa declaración de Ben de Interese Cultural. Ten a súa orixe nunhas torres defensivas que vixiaban a Ría de Arousa e que foron reconstruídas como residencia ao seren unidas cun corredor.
Este espazo está intimamente relacionado con Rosalía de Castro. No século XIX, o seu propietario era tío político de Rosalía (Gregorio Antonio de Hermida), motivo polo que a escritora pasou longas temporadas neste pazo. Foi aquí onde se refuxiou cando morreu súa nai e tamén aquí naceron os seus xemelgos, Ovidio e Gala. Nas Torres de Hermida Rosalía escribiu Padrón y las inundaciones e compuxo parte de Follas Novas,El primer loco, Costumbres gallegas, El domingo de Ramos e Cartas a Murguía.
“Divísanse desde la torre (tan cercanos que puede oírse el rumor de los múltiples arroyos que por ellos descienden) los accidentados y fragosos montes coronados de pinos, que en unión del bosque que la rodea, abrigan la antigua posesión y le prestan por esta parte un aspecto semisalvaje que encanta el ánimo, y contrasta de una manera admirable con la placidez de la llanura y las alegres vistas que desde los demás puntos de la casa pueden gozarse a toda hora. Hermosísimo y apartado lugar, en donde tiene asiento la melancolía y es dado traer a la memoria el recuerdo de las pasadas glorias, sin que nos moleste y conturbe la contemplación de las presentes, a que somos ajenos.” Padrón y las inundaciones (1881)
4.-Fonte de Santa Maria (Dodro)
Nas Torres de Hermida pasou Rosalía longas tempadas en compaña da súa familia, foron o seu refuxio cando faleceu a súa nai, o lugar onde naceron os seus xemelgos e, tamén, a súa residencia estable entre 1879 e 1881. Disque nos seus paseos por Lestrobe a escritora adoitaba visitar a fonte de Santa María, a poucos metros do pazo.
Neste lugar pódese ver hoxe a decoración feita por unha veciña da zona, que esculpiu en pedra a imaxe dunha virxe á que lle puxo unha plantación de fresas como manto.
¡Padrón...! ¡Padrón...! ¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove... ¡Adiós! ¡Adiós! “Do íntimo!” (Follas novas, 1880)
5.-Santiaguiño do Monte (Padrón)
O Santiaguiño do Monte identifícase como un dos lugares nos que predicou o Apóstolo Santiago, o que converte este espazo nun dos de maior tradición xacobea de Galicia. Esta paraxe no alto do monte San Gregorio afunde as súas raigames na Idade de Ferro. Aquí atopamos un cruceiro e a imaxe do Apóstolo Santiago sobre un conxunto de pedras.
A capela do Santiaguiño foi reconstruída no século XV sobre outra anterior. Un relevo na fachada leste, na que se atopaba a antiga porta principal, representa o bautismo da raíña Lupa logo do milagre que motivou a súa conversión. Tamén hai outra lenda vencellada á fonte próxima, na que se di que brotou a auga cando o Apóstolo a golpeou tres veces co seu báculo para calmar a sede dunha crente
A uns pasos da ermida e da casa do ermitán podemos gozar da área recreativa do Santiaguiño do Monte, onde se celebra cada 25 de xullo unha gran festa popular.
I a Padron, ponliña verde, fada branca ó pé dun río, froita en frol da que eu quixerde, lonxe miro que se perde baixo un manto de resío. Cantares Gallegos (1863)
6.-Lamas e Muíño da Maquía (Padrón)
Un sendeiro cuberto polo manto da vexetación de ribeira avanza a carón do río Sar polo lugar de Lamas. A presenza de canas a ambos os dous lados do camiño indican a proximidade do Muíño da Maquía, hoxe abandonado, pero que aínda conserva a pedra na que a veciñanza ía moer o gran ata non hai tanto tempo. As dimensións da estrutura que se conserva dan idea da súa importancia. A poucos metros atópanse as ruínas da casa do muiñeiro.
IEl viajero, rendido y cansado, que ve del camino la línea escabrosa que aún le resta que andar, anhelara, deteniéndose al pie de la loma, de repente quedar convertido en pájaro o fuente, en árbol o en roca. “Los unos altísimos” (En las orillas del Sar, 1884)
7.-Ponte de Camilo Seira en Fondóns (Rois)
Rosalía atopou inspiración para as súas obras nun remanso do río en Fondóns. E desde este tranquilo lugar albíscase unha ponte que se integra coa paisaxe dun xeito nada casual. Trátase dunha intervención de Camilo Seira, artista multidisciplinar de Rois que destaca pola súa comprensión da arte como unha forma de expresión que parte da vida e da natureza.
Pedras e un salgueiro labrado que conserva a raíz conforman a base dunha pasarela que permite sortear un pequeno regato. Completa este conxunto unha varanda da árbore que na primavera ofrece as súas follas verdes como protección.
Un manso río, una vereda estrecha, un campo solitario y un pinar, y el viejo puente rústico y sencillo completando tan grata soledad. “Los unos altísimos” (En las orillas del Sar, 1884)
8.-Fondóns (Rois)
O modesto regato de Fondóns é unha gran mostra da relevancia que tiveron os cursos de auga na vida de Galicia durante séculos. En Fondóns chama a atención un burato aberto na pedra do chan, polo que, segundo a tradición, metíase a roupa de nenos e nenas para purificala coa auga do regato.
Mais o que fai singular este lugar son os versos que lle dedicou Rosalía de Castro no seu poemario En las orillas del Sar, no que se describe a natureza e a actividade que se xeraba ao seu arredor. En 2021 o Concello de Rois colocou unha placa para recordar estas palabras e conmemorar o Día de Rosalía. Foi o primeiro paso para crear a Ruta Rosalía nos camiños xunto cos concellos de Padrón e Dodro.
Ruge la presa lejos..., y de las aves nido Fondóns cerca descansa; La cándida abubilla bebe en el agua mansa, donde un tiempo he creído de la esperanza hermosa beber el néctar sano, y hoy bebiera anhelosa las aguas del olvido, que es de la muerte hermano; donde de los vencejos que vuelan en la altura la sombra se refleja, y en cuya linfa pura, blanco el nenúfar brilla por entre la verdura de la frondosa orilla. “Orillas del Sar, IV” (En las orillas del Sar, 1884)
9.-Praia fluvial de Seira (Rois)
A praia fluvial de Seira é un dos sinónimos do verán no val do Sar. Situada nas augas do río Rois, é un lugar de baño tranquilo e seguro, que ademais conta con espazo á sombra perfecto para os xogos, as merendas e as comidas campestres. Toda a zona foi reformada en 2017 coa disposición dunha área de descanso con bancos e mesas para o goce da cidadanía. Cun aparcadoiro amplo, é o lugar ideal para rebaixar a temperatura cando o sol máis aperta.
Ao continuar a ruta pasaremos polas pontes de madeira que instalou o Concello de Rois para facer máis accesible esta senda amiga.
¡Cuan hermosa es tu vega! ¡Oh Padrón! ¡Oh Iria Flavia! Mas el calor, la vida juvenil y la savia que extraje de tu seno, como el sediento niño el dulce jugo extrae del pecho blanco y lleno, de mi existencia obscura en el torrente amargo pasaron, cual barridas por la inconstancia ciega, una visión de armiño, una ilusión querida, un suspiro de amor. “Orillas del Sar, V” (En las orillas del Sar, 1884)
10.- Igrexa de Santa Maria a Maior de Iria Flavia (Padrón)
A Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia é unha das máis antigas de Galicia e está considerada o primeiro templo mariano do mundo. A basílica primitiva, da época romana, foi arrasada por Almanzor no século X e o Arcebispo Xelmírez mandouna reconstruír no século XII, converténdoa en colexiata. A igrexa está rodeada por un fermoso adro e no seu exterior pode verse unha ampla colección de sartegos e laudas.
Iria Flavia foi sede episcopal e, de feito, o bispado iriense xogou un papel fundamental no descubrimento do sepulcro apostólico: foi o bispo Teodomiro quen deu conta do achado arredor do ano 820, vinculando para sempre a tradición xacobea a esta igrexa. Enfronte da igrexa de Iria topase a Fundación Camilo José Cela.
O simiterio da Adina no hai duda que é encantador, cos seus olivos escuros de vella recordazón; co seu chan de herbas e frores lindas cal no outras dou Dios; “Do íntimo!” (Follas novas, 1880)
11.- Cemiterio de Adina (Padrón)
No cemiterio de Santa María a Maior de Iria Flavia e Adina repousaron os restos de Rosalía de Castro entre 1885 e 1891, ata o seu traslado ao Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. Nesta antiga necrópole do século V consérvase hoxe unha lápida na honra da escritora. Rosalía, que expresara o seu desexo de ser enterrada neste camposanto, dedicoulle a Adina moitos dos seus versos. Aquí descansan tamén os restos do Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela.
Chirrar dos carros da Ponte, tristes campanas de Herbón: cando vos oio partídesme as cordas do corazón. Ceboleiras que is e vindes de Adina polo camiño: á beira do camposanto pasá leve e paseniño. Que anque din que os mortos no oien, Cando os meus lles vou falar, penso que anque estén calados ben oien o meu penar. “Varia” (Follas novas, 1880)
12.- Casa Museo de Rosalía de Castro (Padrón)
A Casa da Matanza, última morada da escritora e sede actual da fundación que leva o seu nome, acolle na actualidade un museo que permite facer un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía, a través de valiosos materiais relacionados coa súa figura e tamén de contidos audiovisuais que somerxen ao visitante no ambiente no que viviu a autora.
Rosalía residiu nesta casa coa súa familia desde 1883 ata o seu falecemento, en 1885. Aquí escribiu a súa derradeira obra, aquela que motiva a ruta Rosalía nos camiños: En las orillas del Sar.
Miña casiña, meu lar, ¡cantas onciñas de ouro me vals! Vin de Santiago a Padrón cun chover que era arroiar, descalciña de pé e perna, sin comer nin almorzar. “D’a terra” (Follas novas, 1880)
13.- Casa na rúa Xoán Rodríguez (Padrón)
No número 4 da rúa de Xoán Rodríguez, antes rúa do Sol, existu unha casa na que Rosalía viviu a súa infancia. Aquí residiu entre os 4 e os 10 anos, xunto coa súa nai Teresa de Castro Abadía e a criada María Martínez. Na actualidade existe unha placa que sinala o lugar, moi preto da praza Ramón Tojo ou praza do Aljolí.
Inda vexo onde xogaba cas meniñas que eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba i a fontiña onde bebía. Cantares Gallegos (1863)
Inicio/fin | Paseo do Espolón (Padrón) |
Distancia | 15,4 km |
Tipo de ruta | Circular |
Tempo estimado | 3 horas |
Dificultade técnica | moderada |