Ruta circular con inicio e final na igrexa de San Mamede de Rois. A lonxitude é de 8,5 km, pero pódese facer só a metade. O percorrido discorre polas parroquias de Rois e Buxán e pasa polas aldeas de Rois, Infesta, A Casa do Porto e Buxán.
O punto de partida é a igrexa de San Mamede, que ten de particularidade que a súa torre está situada na parte central da fachada, enriba da porta. Desde ela dirixímonos cara a Infesta, aldea que atravesamos logo de cruzar a estrada. Á saída podemos ver á esquerda do camiño a súa monumental fonte, con boa auga para beber e refrescarse. Avanzamos acompañados polo murmurio que sae do río Rois que flúe á nosa dereita e que nos vai acompañar un bo treito. Os diferentes desvíos están sinalizados coa característica frecha amarela desta ruta.
A uns 2 km o carreiro desemboca nun camiño ancho que nos ofrece dúas opcións: seguir a ruta á esquerda cara á Casa do Porto ou ben atallar de fronte para atravesar unha ponte e regresar polo outro lado do regato. Recomendamos facer a ruta completa polo indubidable atractivo dos seus contrastes, con todo, esta “media ruta” é unha opción válida para os días que queiramos andar menos e gozar dun percorrido entre bosques de arborado autóctono, con moita sobra e á beira do río, oíndo correr a auga. En calquera caso, na ruta completa tamén se pasa por esta fermosa paraxe.
Seguindo á esquerda, aos 100 metros deixamos o camiño para coller un carreiro empinado que nos subirá ata á Casa do Porto. Esta aldea, situada no alto e rodeada de prados, regálanos vistas panorámicas espectaculares. Nela tamén podemos ver unha eira con varios hórreos ou un cruceiro. Na saída hai outra fonte no chan, un pouco antes do desvío cara a Buxán.
Despois de varios desvíos sinalizados, o camiño desemboca na estrada, preto de Buxán. Ao pasar a ponte e sen entrar na aldea, collemos un camiño á dereita que tras áridas subidas e baixadas nos vai levar outra vez ao regato dos muíños, na zona mencionada anteriormente. Este é un tramo de grande atractivo, cruzando o río e camiñando xunto a el por pasarelas de madeira e corda.
Finalmente chegamos á estrada inicial, atravesámola e xa preto da igrexa de San Mamede dirixímonos a ela para finalizar a ruta.
Inicio/fin: | Igrexa de San Mamede |
Ruta completa: | 8,5 km |
Media ruta: | 4,2 km |
Dificultade física: | Baixa |
Dificultade técnica: | Baixa |