O culto xacobeo ten no Camiño Portugués un referente esencial para comprender a dimensión internacional do fenómeno das peregrinacións. A súa orixe remóntase á Idade Media, coa descuberta dos restos do Apóstolo no ano 813. A ruta consolidouse tras a independencia de Portugal, a mediados do século XII. Desde entón, o fluír de peregrinos cara o norte da península foi establecendo lazos espirituais, económicos e culturais que superan as fronteiras políticas e, a día de hoxe, o Camiño Portugués é o segundo en importancia canto a número de peregrinos.
Lisboa, Porto, Valença ou Tui. Os puntos de inicio do Camiño son variados, como tamén o son as vías de peregrinación da rede xacobea lusa. Ben sexa pola costa ben polo interior, o certo é que Rois figura como lugar de paso obrigado duns itinerarios que conflúen na parte final do trazado.
O tramo do Camiño Portugués que pasa polo concello de Rois foi modificado pola Xunta de Galicia en 2019 para mellorar a seguridade e evitar a circulación dos peregrinos e peregrinas pola N-550. Deste xeito, a nova variante transcorre por un sendeiro tranquilo que atravesa un piñeiral entre o Sisto e a aldea de Angueira de Castro para logo continuar cara o pazo do Faramello, nun traxecto máis natural e calmo que á beira dunha estrada nacional.
E xustamente aquí, en Angueira de Castro, a ruta discorre ao pé do castro Lupario, un xacemento situado dacabalo de Rois e Brión que nos rememora a lenda da Raíña Lupa e o mito xacobeo do traslado do Apóstolo a terras de Santiago. A descrición máis antiga que se coñece é a de M. Castellá Ferrer en 1610 e recollida polo historiador Clodio González Pérez:
Residía Lupa en un castillo, y Fortaleza suya, rodeado de gruesa murallas, que aun tiene doce piez de ancho en algunas partes, dentro de la qual ay tanta capacidad, que cabe un escuadrón de quatro mil hombres, y más: aun ay oy día grandes pedaços della, en partes tiene altor de una pica (q. quiera Dios conservar estas memorias para honor de su Apóstol). Tenía el Castillo en medio desta plaça, cuyos cimientos se ven ora, y desde la entrada de la primera muralla se y va a el por una calle estrecha de ocho pies de ancho, hecha de uno, y otro lado con gruessa muralla […]
Gonzalez Pérez, Clodio (2016, pax. 37)
‘Brión: Historia, economía, cultura, arte’
Edita Deputación da Coruña
Na explicación que se dá do traslado do corpo do Apóstolo desde Palestina a Santiago de Compostela elabóranse relatos xustificativos e engrandecedores da súa proeza, como os relacionados coa figura mítica da Raíña Lupa. Así, no libro III, capítulo I do Códice Calixtino, aparece citada Lupa:
Emprendida, pois, a marcha cara Oriente, levan o sagrado féretro a un pequeno campo de certa señora chamada Lupa, que estaba a unhas cinco millas da cidade, e déixano alí. Preguntan quen era o dono daquel terreo e coñéceno grazas ás indicacións duns nativos e procuran atopar á que buscaban. Van, por último, ó encontro da muller a falar con ela, e contándolle o asunto como sucedera, pídenlle que lles conceda un pequeno templo onde tiña instalado un ídolo para adoralo, e que era moi visitado polos crentes da absurda xentilidade.
E aquela, nacida de nobilísima liñaxe, e viúva por intervención da sorte suprema, que entrega sacrilegamente á superstición, e non esquecendo a súa nobreza, re-nunciara ao matrimonio con aqueles que a pretendían para que como unha prostituta non manchase o seu primeiro tálamo marital. E tomando en consideración as súas palabras e a súa petición, antes de dar resposta, medita no profundo do seu corazón de que modo os entregará a unha morte cruel, e contéstalles por último cruelmente con engano: “Ide, dixo; buscade ó rei que vive en Dugio, e pedídelle un lugar para poñer a sepultura do voso morto”.
Balboa Salgado, A. (2005, pax. 24-25)
‘A Raíña Lupa. As orixes pagás de Santiago’
Editorial Lóstrego