Unha Ruta histórica e, ao tempo, en construción. O recente recoñecemento oficial do Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia permite seguir as pegadas dos milleiros de peregrinos que o andaron desde o século XII, coa calidade turística esixible en pleno século XXI. En decembro de 2020 oficializouse este percorrido, o que permite a quen o escolla como vía para chegar á tumba do Apóstolo a consecución da Compostela, o certificado que proba a peregrinación xacobea.
O visto e prace por parte do Cabido da Catedral de Santiago é froito do esforzo común realizado polos nove municipios polos que discorre o itinerario, entre os que se atopa Rois xunto con Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Brión, Ames e Santiago. Integrados na Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, impulsaron o traballo de investigación histórica e a delimitación do trazado.
A ruta ten a peculiaridade de contar cun dobre punto de inicio, desde unha e outra beira da ría de Muros-Noia. A variante muradana do norte é algo máis longa, con 78,3 km; mentres que a alternativa sonense ten unha lonxitude de 53,6 km. Unha vez que se xunta en Noia, o trazado continúa por Lousame e diríxese cara ao interior por Rois, atravesando despois o Val da Maía para achegarse ao destino final: a tumba do Apóstolo na catedral de Santiago.
Ao seu paso por Rois, o Camiño vai enlazando os núcleos de Martelo, Codeso, Agrafoxo e Urdilde. O trazado atravesa unha paisaxe que reúne varios elementos patrimoniais de interese: a necrópole de Chan do Codeso ou Martelo, un conxunto de sete mámoas do que deixou constancia Manuel Murguía na súa fundamental Historia de Galicia; dous castros, nun dos cales se atoparon unha ola de barro chea de moedas e un ídolo da Idade do Ferro; cruceiros coma o de Ramón Lago e o do campo da festa de Urdilde; e a igrexa maís a casa reitoral desta localidade. Visitalos é percorrer a evolución deste antigo camiño de peregrinación, favorecido por unha fertilidade que atraeu diferentes pobos e culturas ao longo dos séculos.
- Track oficial: https://riademurosnoia.com/
(a descarga do track de Google Earth en .kmz está na páxina de inicio) - Track no Google Maps