Plan Concilia

Facilitar a conciliación e contribuír á educación en valores

Conciliar traballo e familia é un dos retos da nosa sociedade. Poder desenvolvernos profesionalmente sen sacrificar a calidade de vida persoal e familiar é todo un desafío que implica cambios sociais radicais, como novas formas de organización do traballo, das estruturas familiares e dos roles de xénero. Neste camiño aberto, o Concello de Rois quere dar un paso adiante coa creación e desenvolvemento do Plan Concilia.

O Plan Concilia do Concello de Rois é un proxecto municipal que ten dous obxectivos principais: axudar á cidadanía a conciliar a vida laboral, persoal e familiar e contribuír á educación en valores dos e das menores: hábitos saudables, tolerancia, lingua, igualdade, convivencia…

Estes servizos ofértanse nas instalacións dos dous centros de educación infantil e primaria e secundaria públicos de Rois: CEIP O Pumar-Urdilde e CPPI Os Dices Rois, así como nos equipamentos municipais a través da oferta cultural e deportiva. O horario de atención é desde a primeira hora da mañá ata a tardiña, no caso das xornadas lectivas.

Nos períodos de vacacións (Nadal, Entroido e meses de verán) o horario de atención é de 7.30 a 14.30 h. Neste horario as familias poden deixar os nenos e nenas realizando distintas actividades socioeducativas mentres os pais e as nais realizan formación prelaboral ou traballan.

As actividades que se desenvolven parten dun soporte lúdico e pedagóxico como complemento dos servizos educativos existentes, permitindo que as familias realicen actividades dirixidas á súa inclusión sociolaboral.