Presentación de Youtubeiras+ 2026

O Concello de Rois participa un ano máis na organización dos Premios Youtubeiras+, que celebran a súa décima edición incorporando un galardón honorífico destinado a recoñecer a traxectoria de persoas e iniciativas vinculadas á creación dixital en galego. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a técnica municipal de Normalización Lingüística, Inma Seage, asistiron hoxe en Milladoiro á presentación do certame.

Baixo o lema Dez anos en rede, Youtubeiras+ repartirá 7.500 euros entre as propostas gañadoras das sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Revelación, Calidade lingüística, Rede, Pódcast e Premio do Público. As dúas primeiras estarán dotadas con 1.250 euros e cada unha das cinco restantes, con 1.000 euros.

As bases xa se poden consultar na web www.youtubeiras.gal e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23.59 horas do 15 de novembro.

O xurado estará integrado polo músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.

A programación desta edición inclúe tamén tres obradoiros en liña e gratuítos, previa inscrición. María Rúa impartirá Como ser unha ‘turras’ sen parecelo o 7 de outubro; Nuria Grandío ofrecerá Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o día 14; e Nee Barros dirixirá Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro.

Youtubeiras+ é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo; e da Deputación da Coruña. O proxecto busca promover o talento en galego nas redes sociais e contribuír ao crecemento da comunidade creadora na nosa lingua.