Convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago

As axudas á rehabilitación de vivendas nos concellos situados na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Camiño de Santiago poden solicitarse desde hoxe. A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG as bases da convocatoria e as persoas interesadas poderán obter unha axuda de ata 25.000 euros por inmoble.

As obras de mantemento para adecuar os edificios á normativa vixente, aquelas coas que se mellore a eficiencia enerxética das vivendas, así como as que adapten as condicións de accesibilidade son as actuacións susceptibles destas subvencións.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, explicou que este programa conta cun orzamento de 725.722 euros e aclarou que beneficia de xeito directo aos veciños dos 126 concellos que integran nunha das nove rutas desta área supramunicipal.

Para solicitar estas axudas, as persoas interesadas teñen que ter outorgada a cualificación definitiva polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. As solicitudes deberán presentarse ata o 30 de setembro de 2022 na sede electrónica da Xunta co código de procedemento VI408H.