A concelleira de cultura de Rois volveu reclamar en Grecia diante de representantes de 27 países europeos darlles voz aos cidadáns “e seguir traballando unidos para continuar avanzando e fortalecendo a Unión Europea”. Victoria Quiroga clausurou o cuarto e derradeiro encontro do proxecto europeo As voces europeas contra o escepticismo liderado polo Concello de Rois e financiado pola Comisión Europea.
Este proxecto iniciouse o pasado mes de novembro en Rois, nun encontro no que participaron representantes de todos os países da Unión Europea. Tras as reunións de Malta e Hungría, a semana pasada celebráronse as últimas sesións de traballo en Pilea-Hortiatis (Grecia). Nas súas intervencións, Victoria Quiroga resaltou a importancia que teñen os fondos europeos de recuperación para os pequenos municipios rurais e volveu incidir nos importantes retos que afronta a Unión Europea nun futuro inmediato.
Na reunión de Grecia Victoria Quiroga estivo acompañada pola técnica de normalización lingüística de Rois Inmaculada Seage. Participaron os alcaldes e alcaldesas de Pilea-Hortiatis, que exerceu de anfitrioa, Qrendi (Malta), Marsaskala (Malta), Kurikka (Finlandia), Alqueidão (Portugal) e representantes de entidades e asociacións dos 27 países da Unión Europea. Unha mostra do compromiso europeo por construír un futuro xuntos e que Quiroga recalcou no seu discurso: “Como nos ten demostrado a historia tantas veces, a unión fai a forza e a división só xera caos e guerra”.
Os participantes seguiron afondando na busca de medidas que combatan o euroescepticismo, esta vez desde a óptica da integración cultural e social, un tema de extremo interese nun país onde xermolou a crítica máis dura a instrumentos europeos como a Troika. “Nós queremos construír unha Europa unida e forte, na que todos teñamos cabida e moitas cousas coas que contribuír”, declarou a concelleira durante o discurso de peche deste encontro.
Igual que fixera en novembro o alcalde Ramón Tojo, Victoria Quiroga volveu insistir na importancia da Unión Europea nas situacións de crise, explicando que “todos xuntos podemos afrontar mellor estas situacións e seguir transformando Europa para conseguir un futuro mellor. Vivimos nunha sociedade complexa, que non admite respostas simples. Os proxectos individuais nun mundo globalizado non conducen a ningún sitio”, afirmou a concelleira. Tamén salientou a importancia capital da Unión para superar os desafíos provocados pola guerra de Ucraína, unha situación que vén agravar o xa complicado estado da economía tras a covid-19.
Intercambio con Letonia
Ademais das xornadas de traballo, e como aconteceu en encontros anteriores, os participantes tiveron oportunidade de visitar a rexión de Tesalónica, descubrindo e afondando nos costumes e realidades gregos. Quiroga, afeita xa a propiciar intercambios da mocidade con outras rexións europeas, explicou tamén que esta é “a mellor forma de facilitar a unión entre os pobos e de fortalecer a Unión Europea que tantos beneficios nos achega”.
Neste senso, a concelleira de Cultura de Rois mantivo un encontro coa representante de Letonia para seguir perfilando o programa de intercambio que van realizar o vindeiro mes de setembro alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do CPI dos Dices para coñecer máis de preto a cultura letoa. Esta visita, que xurdiu das conversas iniciadas o pasado mes de novembro durante a reunión europea en Rois, será o terceiro intercambio internacional que promove o Concello. Nos anteriores alumnado e profesorado da ESMU visitaron xa Venecia e Hungría, en ambos os dous casos acompañados por representantes do OCT Chorima.
Proxecto financiado por Bruxelas
‘As voces europeas desafían o euroescepticismo’ foi a proposta presentada polo Concello de Rois e a única aprobada en Galicia pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (Eacea), dentro da subacción Redes de Cidades. A de Rois figura entre as 40 propostas financiadas pola Comisión Europea das preto de 400 presentadas no programa Europa para a cidadanía. Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, os populismos e a desinformación son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado pola Comisión Europea.
Na seguinte galería de imaxes pódese ver un resumo do encontro europeo celebrado en Grecia.