20190708 TeatRois Volpone VacalourasO grupo roisense Teatro Vacalouras, impulsado dende o concello, foi o encargado de pechar este ano a segunda edición do TeatRois, a mostra de teatro escolar afeccionado que durante a última semana programou sete representacións no auditorio municipal que fixeron gozar á veciñanza que practicamente esgotou as entradas todos os días.

Coa representación de ‘Volpone”, unha adaptación da comedia negra de Ben Jonson, Teatro Vacalouras espertou a admiración do público que se congregou este pasado sábado no edificio multiúsos. Con esta obra pechábase a segunda edición do TeatRois, no que os grupos locais tiveron unha grande acollida.

O grupo de teatro municipal de Rois fora tamén o protagonista o pasado mércores, coa representación de dúas obras, ‘Os tres porquiños’ e ‘Unhacasa nada deshabitada’. Pola sua banda, Teatro do Porviso, formado por alumnado do CPI dos Dices, tamén colleitou numerosos aplausos coas dúas obras que puxo en escena: ‘Azucre’, o 29 de xuño, e ‘O achado do castro’, o día 1.

O grupo Vai no destinsta, do IES Xelmírez I de Santiago; Entra em cena, da Escola Secundária de Alfena (preto de Porto) e Farándula Velutina, da Asociación As nove musas de Corcubión, foron as outras tres agrupacións que participaron este ano a mostra de teatro escolar afeccionado.

Con TeatRois, o Concello de Rois quere fomentar as artes escénicas entre o alumnado máis novo e promover o teatro afeccionado. Nesta segunda edición da mostra representáronse oito obras.