Rois recibirá a semana que vén a visita dunha delegación da Academia de Música de Santo André no marco dun intercambio cultural coa Escola de Música de Rois, cuios integrantes xa viaxaron en novembro á localidade portuguesa, situada no municipio de Santiago do Cacém a uns 150 quilómetros ao sur de Lisboa. Este encontro de convivencia culminará o sábado 12 de abril cun concerto que ofrecerán conxuntamente ámbalas agrupacións no auditorio do Campus Tecnolóxico de Cortizo.
A comitiva portuguesa, formada por un total de 53 persoas entre alumnado e familias, estará en Rois entre o xoves 10 e o domingo 13 de abril. Aloxarase no polideportivo de Rois (que por este motivo deberá suspender as actividades deportivas municipais xoves e venres) e desenvolverá un completo programa de actividades para que poida achegarse á cultura galega, coñecer Rois e outros lugares da contorna e gozar da nosa gastronomía.
O venres 11, a comitiva portuguesa comezará o día no multiúsos cunha xornada de convivencia con alumnado da Escola de Música de Rois e do obradoiro de emprego. Desfrutará despois dunha recepción oficial no Concello de Rois e trasladarase a continuación a Seira para facer o treito dos Fondóns da Ruta de Rosalía nos Camiños. Xa pola tarde, realizará un ensaio e visitará a Casa de Rosalía e a vila de Padrón.
A programación continúa o sábado 12 coa visita a Santiago, un novo ensaio e o concerto que ofrecerá a Orquestra de sopros e percussão da Academia de música de Santo André conxuntamente coa Escola de Música de Rois. A cita terá lugar ás seis da tarde no auditorio do Campus Tecnolóxico de Cortizo e iniciarase cunha actuación de Xiao Berlai e Xoán Curiel.
As entradas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa entre o 2 e o 9 de abril a través do teléfono 981 816 061 ou do correo inscricions@rois.gal.
O encontro pecharase cunha cea de convivencia no polideportivo, no que participarán tamén as familias da Escola de Música de Rois, que aportarán distintos platos tradicionais. A cea contará coa actuación de Pablo Díaz, que convidará as persoas asistentes a aprender baile galego grazas ao seu espectáculo interactivo Cantareiras e a tradición oral, un percorrido polas figuras das pandeireteiras ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas. O espectáculo está encadrado na Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A Academia de Música de Santo André, nada no ano 2018, forma estudantes de todas as idades combinando clases individuais e colectivas cunha forte compoñente lúdica e conta con aulas mixtas nas que aprenden xuntas persoas de diversas idades.
O pasado mes de novembro, un grupo de 17 alumnas e alumnos da Escola de Música de Rois tivo a oportunidade de coñecer de primera man o traballo da Academia de Música de Santo André cunha viaxe na que tamén se incluíu un concerto conxunto de ámbalas agrupacións. Nesta viaxe participaron a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; o director da ESMU, Manuel Villar; os profesores Fabián Jamardo e Brais Villar, e a xestora cultural Anayansi Singh.
O intercambio entre a Escola de Música de Rois e a Academia de Música de Santo André é o cuarto que desenvolve o centro municipal roisense nos últimos anos, logo dos que levaron ao alumnado da ESMU a Venecia (2018); Pasztó, en Hungría (2019); e Letonia (2022 e 2023).
O goberno municipal de Rois mantén así o seu compromiso coa formación musical e co fomento de experiencias culturais internacionais, que contribúen ao desenvolvemento integral da veciñanza máis nova do municipio. Entende que a música é unha ferramenta marabillosa para facilitar o crecemento das persoas e das comunidades ao favorecer a interacción e a cohesión sociais.
