Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística do Concello de Rois, e doutos 11 concellos máis, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, darán a coñecer este sábado 28 de xaneiro, aos gañadores e gañadoras da sexta do certame. Será no transcurso dunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo, ás 20.00 horas, e que estará conducida pola actriz, guionista e narradora oral Cristina Collazo, con música de LaMontagne e PicoAmperio. Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías (canle canle, youtubeira/o, revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público).
En total, o certame repartirá 7.500 euros en premios entres as persoas gañadoras, que tamén recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.
Así o avanzou a organización no transcurso dunha rolda de prensa celebrada hoxe en Carballo e na que participaron a coordinadora do Proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro; o concelleiro de Cultura e Deportes carballés, Marcos Trigo, a presentadora da gala Cristina Collazo, presentadora da gala; e gañador do Premio Youtubeira/o 2021 e membro do xurado, Mario Brión (Olaxonmario).
Para o concelleiro de Cultura e Deportes carballés os Premios Youtubeiras “son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”. Marcos Tribo tamén destacou a colaboración institucional entre as diversas administracións na creación, organización e desenvolvemento do proxecto Youtubeiras. E destacou a elevada participación deste ano no certame, que contabilizou un total de 75 canles, moitas delas de recente creación.
Pola súa banda, Carme Pereiro indicou que á espera dunha análise polo miúdo das cifras de 2022, na edición anterior as canles presentadas aglutinaban “2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións. Son números que dan boa conta do volume que acada a comunidade creadora de contidos na nosa lingua na Rede”.
Mentres que Cristina Collazo avanzou que a gala deste sábado será “dinámica e interactiva” e estará “chea de sorpresas”. Collazo indicou que o público terá “un gran protagonismo” e fomentarase a “participación do patio de butacas. A actriz avanzou
Finalmente, Mario Brión destacou o amplo traballo que tivo que desenvolver o xurado este ano, a diversidade temática desta edición e o complexo que resultou acordar o palmarés que se desvelará ese sábado durante a gala. E, rematou salientado o traballo das canles participantes, polo seu esforzo e por tecer comunidade na creación dixital en galego.
Cómpre subliñar que o xurado da edición dos Premios Youtubeiras 2022 estivo conformado ademais de por Mario Brión, por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías e promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.
Podes ver a os vídeos e canles finalista nesta ligazón:
https://youtubeiras.gal/novas/FINALISTAS%20DOS%20PREMIOS%20YOUTUBEIRAS%202022/