O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e representantes de 15 concellos e de 12 entidades dos 27 países membros da Unión Europea asinaron onte en Rois un pacto de irmandamento co propósito de “desenvolver o sentimento da fraternidade europea ao servizo dun destino común” e de contribuír ao “éxito do necesario compromiso pola paz, o progreso e a prosperidade que representa a Unión Europea”. O acto de clausura do encontro internacional do programa Europa para a Cidadanía, celebrado no auditorio municipal de Rois, estivo presidido polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, quen destacou que o pacto asinado en Rois “representa o compromiso para traballar pola unión dos pobos” e por “implicar os veciños dos seus municipios nas accións dos seus programas europeos”.
“Coñecer outras culturas e poder participar en proxectos comúns é o mellor xeito de reforzar esa unión que trouxo tanta prosperidade a Europa”, salientou Ramón Tojo na clausura dun encontro que contou coa participación de 53 persoas expertas no ámbito comunitario. O proxecto do Concello de Rois foi aprobado pola Comisión Europea entre 400 propostas presentadas e leva por título As voces europeas contra o euroescepticismo. Precisamente sobre o euroescepticismo se pronunciou Jesús Gamallo, cualificándoo como “a principal ameaza para o proxecto europeo” e sinalando a necesidade de “que os cidadáns se sintan implicados no día a día da Unión Europea” para “construír o futuro de Europa e loitar contra os populismos e a desinformación”. “O pacto de irmandamento asinado hoxe é o camiño correcto”, sentenciou Gamallo, que clausurou o acto xunto co delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.
O encontro de Rois é unha das poucas iniciativas que reúne a representantes dos 27 países membros da UE. Os 15 concellos que rubricaron o pacto son os de Rois (España), Nikópol (Bulgaria), Klanjec (Croacia), Athienou (Chipre), Lääneranna (Estonia), Pylea-Jortiatis (Grecia), Erdőkürt (Hungría), Finglas (Irlanda) Castelmola (Italia), Rundale (Letonia), Ukmerge (Lituania), Wieliszew (Polonia), Corbi (Romanía), Malé Dvorníky (Eslovaquia) e Haninge (Suecia). Ademais, asinaron o acordo 12 entidades e asociacións de Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Portugal e Eslovenia.
Ramón Tojo agradeceu a presenza en Rois dos 53 participantes estranxeiros no encontro e amosouse satisfeito por congregar “nun pequeno municipio rural de Galicia a representantes dos 27 países que formamos a Unión Europea”. O acto de clausura do encontro celebrouse no auditorio municipal de Rois e contou coas actuacións da agrupación musical da Escola Municipal de Música de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Este evento puxo o colofón a dous días de intensa actividade, nos que as delegacións europeas participaron en diferentes conferencias, foron recibidos onte á mañá no Parlamento de Galicia e visitaron o Mercado de Abastos e o casco histórico compostelán, a sede da multinacional Aluminios Cortizo e o Pazo do Faramello, onde plantaron unha árbore no Xardín do Recordo.
Ademais deste encontro en Rois e Santiago, está prevista a celebración doutros tres eventos ata agosto de 2022. En La Valletta (Malta), do 11 ao 14 de febreiro vaise estudar a crise migratoria que provoca o euroescepticismo. Do 19 ao 22 de abril en Budapest (Hungría) escoitaranse voces discordantes nun dos países máis contrarios ás políticas da Unión Europea. E, para rematar, do 23 ao 26 de maio celebrarase outro encontro en Tesalónica (Grecia), berce da democracia e o país que máis sufriu a intervención económica durante a pasada crise.
Numerosa asistencia
O acto oficial contou con máis dun cento de asistentes (ademais das persoas asinantes). Ademais de moitos veciños e veciñas de Rois, no auditorio municipal atopábanse os alcaldes de Padrón, Dodro, Pontecesures, Val do Dubra, Santa Comba e A Laracha, e o tenente de alcalde de Vedra, ademais de concelleiros e concelleiras de Rois, así como o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Ademais da participación da profesora da USC Pilar Freire nas conferencias inaugurais, este encontro europeo tamén contou coa participación doutra veciña de Rois. A moza Bárbara Bustelo foi a encargada de facer a tradución simultánea ao inglés durante as dúas xornadas.
Álbum de fotos na páxina de Facebook do Concello de Rois