Patinaxe, judo, ximnasia rítmica, festival en inglés e teatro foron as actividades que programou o Concello de Rois esta tarde para a festa de clausura das escolas deportivas e actividades culturais en Rois, á que asistiron máis de cen persoas. O vindeiro venres, día 21, celebrarase a clausura en Urdilde.

20190614 ALI4438

Máis de cen persoas aplaudiron con gañas no polideportivo de Rois aos nenos e nenas que demostraron todo o que levan aprendido este curso nas disciplinas de patinaxe, judo e ximnasia rítmica. Nas escolas deportivas de Rois participan algo máis de 120 nenos, aínda que onte so participaron nas exhibicións os que acoden ao polideportivo dos Dices.

20190614 ALI4522

No auditorio municipal houbo tamén bastante afluencia de público para ver os progresos en inglés de nenos e nenas que acoden as actividades extraescolares nesta disciplina. Todos puideron gozar vendo cantar ao alumnado cancións en inglés, mentres na biblioteca os máis novos facían experimentos nunha nova sesión de Arrorois. Tamén os familiares que acoden a esta actividade escolleron dous títulos da biblioteca para engadir á exposición de libros que recomendaron os participantes no taller de contacontos.

Tras unha merenda para repoñer forzas despois de tanto exercicio, algunha que outra carreira para chegar do pavillón ata o multiúsos, e cansos de cantar, as risas non faltaron na representación das obras de teatro ‘Os tres porquiños’ e ‘Unha casa nada deshabitada’, coas que Os Vacalouras puxeron o colofón a xornada de hoxe.

20190614 ALI4509

En Urdilde, o próximo venres

O próximo venres, día 21, tocaralle o turno ao alumnado de Urdilde que participa nas escolas deportivas municipais, que participarán en exhibicións de predeporte, badminton, judo, patinaxe artística e fútbol sala. Estas actividades comezarán ás 10.00 horas e rematarán cunha festa con inchables que organiza a ANPA Urcael no patio do CEIP O Pumar de Urdilde.

Album de fotos no facebook do Concello de Rois (neste enlace).