A esta cita anual, que se trasladou ao polideportivo por mor da choiva, acudiron onte os integrantes do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois, a Escola Municipal de Baile de Brión e a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón. Tampouco faltaron á cita os grupos locais das Repeniqueiras de Urdilde, as Pandeireteiras de Ermedelo e as Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois. Todos os músicos participantes levaron como recordo da súa participación un pequeno agasallo que foi confeccionado nos talleres de Amipa, a asociación de persoas con discapacidade da comarca do Sar. Durante tres horas, os diferentes grupos, compostos por varias decenas de músicos de todas as idades, interpretaron diferentes pezas, animando a moitos dos asistentes a bailar. Ao rematar a xornada, todos os asistentes puideron degustar un excelente chocolate con churros. O Serán da Lingua forma parte da programación que o Concello de Rois ten organizado neste mes de maio dentro da iniciativa Rois no Caiño das Letras Galegas.