O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e varios familiares, achegáronse esta mañá ata o aeroporto de Lavacolla para recibir aos integrantes da comitiva da Escola Municipal de Música de Rois e do COT Chorima que regresaban despois de cinco de intercambio na localidade húngara de Pásztó. E satisfacción era patente entre alumnado e profesorado, así como o cansazo, despois dunha longa viaxe que comezaba á 01.30 horas en Pasztó e remataba ás 13.00 horas en Lavacolla tras facer escala en Frankfurt.
“Satisfeitas, felices e con ganas de repetir”, indicaban varias das integrantes máis novas da comitiva roisense, que botaron en falta non poder dispoñer de máis días para coñecer mellor Hungría.
O director da Escola de Música de Rois, Manuel Villar, destacou e agradeceu o trato recibido polas autoridades húngaras, dende que chegaron a noite do xoves ao venres, xa de madrugada. “Durante os cinco días que estivemos en Pásztó, o alcalde, Atila Farkas; o director da escola de música local, Tamas Toth, como Gabriela e María, estiveron sempre pendentes de nos e acompañándonos, o que fixo a estancia moito más agradable”, indicaba Manuel Villar.
O concerto ofrecido o domingo pola Escola de Música de Rois e Chorima nunha igrexa, e no que tamén participou a escola de música de Pásztó, resultou “todo un éxito” ata o punto de que autoridades e veciños da localidade húngara se animaron a bailar ao ritmo da gaita galega.
Ata o profesor de piano da Escola de Música de Rois, Daniel Chaves, amosaba a súa ledicia ao regreso da viaxe dende unha silla de rodas. Mancouse nunha caída fortuíta o luns, polo que tivo que facer unha parada no hospital clínico de Santiago despois de recibir as primeiras atencións médicas en Pásztó.