O Sábado de Piñata congregou no polideportivo municipal a multitude de persoas que aplaudiron con entusiasmo o desfile dos participantes nas diferentes categorías. A comparsa ‘Land Rois’, promovida polas asociacións veciñais A Canteira de Leroño e Xuventude de Aguasantas, espertou unha sonora ovación do público coa súa representación satírica da construción do muro de Donald Trump entre Estados Unidos e México. ‘Land Rois’ foi a comparsa gañadora, mentres que o premio de comparsa mini recaeu na ‘Patrulla canina’, un orixinal grupo formado por bebés que circularon en carriños caracterizados para a ocasión. A categoría que contou con maior número de participantes foi a de disfrace infantil, na que resultaron gañadores a ‘Velliña’ (de 0-6 anos), ‘En son de paz’ (7-12 anos) e ‘Minnie’ (13-16 anos). Por último, en parellas, foron premiadas as ‘Velliñas’ (infantil) e os ‘Espantallos’ (adulto). Finalizado o desfile, o público degustou os doces e produtos típicos elaborados polas diferentes asociacións culturais e veciñais do municipio, mentres agardaba o veredicto do xurado. En total, o Concello de Rois repartiu máis de mil euros en premios. Tras o acto de entrega dos galardóns, o polideportivo de Rois acolleu unha actuación de maxia e música a cargo do Mago Camiña e un sorteo de regalos entre as persoas disfrazadas. Ademais, durante toda a tarde houbo inchables e talleres entroideiros para os máis pequenos.