O presidente da Xunta de Galicia desprazouse hoxe ata Rois para asistir ao xantar popular que organiza o Concello con motivo da celebración das festas patronais e entregarlle o recoñecemento Santo Isidro Labrador á familia que rexenta a farmacia Juana María Sosa Ron. Tras o pregón de Clodio González Perez, Alfonso Rueda e Ramón Tojo rendéronlle homenaxe ás persoas centenarias do municipio que ao longo do útlimo ano recibiron na súa casa a distinción Toda unha vida. Así mesmo, tamén houbo un recoñecemento especial ao cadro de persoal dos dous centros médicos do municipio. Victoriano Trenco Díaz, pola súa parte, recolleu o diploma que o acredita como gañador do concurso de carteis do Santo Isidro co que se promociona a festa.
Máis de 550 persoas participaron hoxe no polideportivo dos Dices no xantar popular que organiza o Concello de Rois coincidindo coas festas patronais do Santo Isidro Labrador. Antes de degustar empanada, pulpo e carne o caldeiro aplaudiron as persoas homenaxeadas nesta ocasión, nun acto que estivo encabezado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo alcalde, Ramón Tojo Lens.
Este ano, a homenaxe Toda unha vida foi para as persoas centenarias, ás que o concello xa homenaxeou coincidindo coa seu aniversario. Nesta ocasión, as persoas recoñecidas foron José Veiga Gandarela (Cabanela, Urdilde, que fará 104 anos en xullo), Dorinda Leboráns Barreiro (A Menada, Sorribas, fixo 102 en marzo), Serafina Barbazán Neo (Moares, Ermedelo, fará 102 en decembro), Luisa Adelina Freire Calvo (Piñeiro, Buxán, celebrou os 101 anos en xullo pasado), e Josefina Lago Rey (Macedos, Urdilde, centenaria dende o pasado día 2).
Pola súa banda, Victoriano Trenco Díaz, autor do cartel que promociona este ano as festas do Santo Isidro, recibiu de mans do alcalde o sobre co importe do premio, mentres que o presidente da Xunta lle entregaba o diploma acreditativo como gañador do concurso.
O pediatra de Rois dende 1986, Carlos Silva Hermo, recolleu a homenaxe que lle fai o concello a todo o cadro de persoal dos centros de saúde do municipio (Rois e Urdilde). O alcalde entregoulles un peregrino, mentres que Alfonso Rueda lle deu unha medalla.
O Concello de Rois quixo distinguir este ano co premio Santo Isidro Labrador á familia que rexenta a farmacia Juana María Sosa Ron, a primeira botica que tivo Rois e que fundou en 1956 en Antequeira María Carmen Ron Quiroga, nai de Juana. No ano 1986 a farmacia trasládase ao edificio no que se atopa actualmente en Samil, preto do centro de saúde. En 2010, tras a xubilación de súa nai, Juana Sosa Ron ponse a fronte do negocio familiar, que hoxe comparte coa súa filla Carmen (neta da fundadora). O presidente da Xunta entregoulle a Juana María a figura dun peregrino. Na súa intervención, a farmacéutica lembrou a evolución da farmacia de Rois e a entrega da familia para atender a toda a veciñanza de Rois.
Xogos e música
As festas do Santo Isidro iniciáronse a primeira hora desta mañá cunha alborada. A OCT Chorima comezou percorrendo as rúas de Urdilde para visitar logo as de Rois e participar, xunto co coro de Buxán, na misa solemne.
O pregón da festa correo a cargo do mestre, etnógrafo e historiador Clodio González Pérez, que nos anos 90 publicou o libro O Concello de Rois: historia, economía e arte.
Despois do xantar popular, servido por pulpería Veloso, as persoas asistentes puideron gozar coa charanga Os Celtas da Baña, e participar nos xogos e talleres para todas as idades organizados no patio do colexio dos Dices. A cativada gozou cos inchables e os afeccionados ás cartas, co campionato de truco de seis. Camilo Seira impartiu un obradoiro de arte e natureza, Alén das ondas dous de cerámica e Patricia Garazo un sobre manualidades con material de refugallo.
Os Monifates de festa en festa, OCT Chorima e A Tajera puxéronlle a guinda musical a este primeiro día das Festas do Santo Isidro. Maña, martes, será a quenda das orquestras Panorama e Charleston Big Band, que protagonizarán a gran verbena do Santo Isidro no campo da festa de Rois a partir das 23.00 horas.