-
Patrimonio autorizou utilizar musgo doutra parede para esta iniciativa que ten fins didácticos
-
O artista asegurou que ao igual que coñecen a Rosalía os nenos e nenas deben aprender e valorar a gran diversidade que hai en Galicia
-
A biblioteca de Rois amplía ao seu catálogo de libros con ‘Rosalía de Castro: obra poética e manuscrita’
-
As persoas asistentes degustaron un caldo de gloria, coa receita que a poetisa deixou en ‘Miña casiña, meu lar’
“Rosalía segue viva porque nenos e nenas coñécena dende moi novos e continuamos investigando a súa obra. En Galicia temos moitos tipos de musgo que tamén hai que investigar”, dixo Camilo Seira ao tempo que animaba á cativada a coñecer, coidar e gozar da biodiversidade do noso territorio. Con estas palabras o escultor de Rois explicaba o mural vexetal que creou no exterior do multiúsos, no que reproduciu a faciana da poetisa con diferentes tipos de musgo xunto a frase ‘Sempre viva’.
Coa inauguración do mural, o Concello de Rois comezou onte os actos conmemorativos do Día de Rosalía, que continuou coa presentación da edición de ‘Rosalía de Castro, obra poética e manuscrita’ na que se recolle toda a obra poética e os manuscritos da escritora galega máis universal, que pasará a formar parte dos fondos da biblioteca municipal. Promovido polos departamento de Cultura e Normalización Lingüística municipal, as persoas asistentes ao acto degustaron un saboroso caldo de gloria, feito coa receita que a poetisa do Sar deixou en ‘Miña casiña, meu lar’.
Camilo Seira fixo o mural de Rosalía utilizando diferentes tipos de musgo que estaban “noutra parede” semellante á do muro exterior do edificio multiúsos. “A idea é que poida seguir vivindo aquí, aínda que isto é algo experimental e temos que ver que vai pasar”, recoñeceu o artista roisense. O obra chamou a atención de moitos veciños e veciñas que, xa durante a súa creación, preguntaron se se podía facer con musgo. “Temos permiso de Patrimonio, porque esta obra ten fins didácticos, para que os nenos e nenas de Rois poidan apreciar a biodiversidade que temos no municipio” e manteñan o interese por coñecer non só os diferentes tipos destas plantas, senón tamén a obra de Rosalía de Castro.
Obra poética e manuscritos da poetisa do Sar
Despois de inaugurar o mural, moi aplaudido polos presentes, o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o director de Edicións Boreal, Manuel Mariño; e o secretario da Real Academia Galega e editor e revisor dos textos, Henrique Monteagudo, presentaban ‘Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos’. Esta edición, que pasará a ampliar os fondos da biblioteca municipal de Rois, recolle toda a obra poética de Rosalía de Castro, tanto en galego como en castelán, así como o único relato en prosa que escribiu en galego, e as 16 cartas manuscritas que se conservan, amais textos publicados en revistas e outros que quedaron inéditos.
O volume tamén inclúe a “reprodución facsimilar dos escasos manuscritos que se conservan de Rosalía, unhas reproducións tan fieis tanto na cor coma nas formas, polo que semella que se están a manexar os documentos orixinais”, explicou Inmacualda Seage, normalizadora lingüística do Concello. O tomo principal consta de 640 páxinas, está encadernado en pergameo e gárdase nun estoxo que contén tamén a contribución artística da polaca Gosia Trebacz, autora das nove obras gráficas incluídas.
Na presentación da obra, Manuel Mariño sinalou que Rosalía “é a voz dun pobo ao que ama. A figura máis importante, representativa, e carismática da literatura galega”. Pola súa banda, Henrique Monteagudo, sinalou que o da poetisa é un dos poucos casos, por non dicir o único, no que unha muller se convirte na máxima representación da literatura dun pobo, dixo aludindo a que noutros países soen ser homes, e citou a Shakespeare, Goethe ou o propio Cervantes, nos casos de Inglaterra, Alemaña ou España. Monteagudo tamén fixo referencia ao traballo e investigación que levou a cabo para recompilar os escasos manuscritos que se conservan de Rosalía e que se inclúen neste tomo.
Despois da presentación, e acompañados pola música da guitarra de Xiao Somoza, procedeuse á lectura colectiva por parte dos asistentes do poema ‘Miña casiña, meu lar’, no que Rosalía recolle a receita do caldo de gloria, que acabaron degustando todos os presentes, acompañado dun cachiño de pan, nunha cunca de barro que levaron como lembranza desta xornada.
Album de fotos da xornada no Facebook do Concello de Rois (neste enlace)