Ofrenda floal a Rosalía. Presentación da senda Rosalía nos camiños.

Rosalía nos camiños é o nome dunha senda amiga de 15 quilómetros, con saída e chegada no paseo do Espolón de Padrón e que percorre os tres municipios da comarca do Sar pasando por algunhas das paraxes mencionadas no poemario ‘En las orillas del Sar’. O roteiro, deseñado polos concellos de Dodro, Padrón e Rois, foi presentado hoxe, durante a celebración do 185 aniversario do nacemento da poeta, diante da estatua de Rosalía de Castro en Padrón nun acto que contou coa presenza dos tres alcaldes e do presidente da Fundación Rosalía de Castro. A senda inaugurarase oficialmente o vindeiro 21 de maio, cunha camiñada coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

O acto desta mañá comezou coa tradicional ofrenda floral na estatua de Rosalía de Castro no Espolón. Fixérona de forma conxunta os rexedores de Padrón, Antonio Fernández; Dodro, Xavier Castro; Rois, Ramón Tojo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A ofrenda da coroa de loureiro estivo acompañada pola actuación do grupo de gaitas Os Carapaus, que tamén se encargou de pechar o acto. Un recital de poesía por parte do alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías O Namorado completou unha conmemoración que por primeira vez se celebra o 23 de febreiro, despois de que a investigadora Sagrario Abelleira descubrirá que foi este día (e non o 24) cando naceu Rosalía de Castro en 1837.

Ramón Tojo actuou como voceiro dos rexedores da comarca para presentar a ruta Rosalía nos camiños, unha iniciativa coa“os concellos de Rois, Padrón e Dodro, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, quixemos achegar o noso grao de area para poñer en valor algunhas das paraxes que aparecen mencionadas na obra da poeta galega máis universal”. En concreto, a senda pasa por algúns dos lugares máis emblemáticos dos tres municipios que aparecen reflexados na obra En las orillas del Sar.

Os tres concellos levan traballando no deseño desta ruta dende hai máis dun ano, despois de que o presidente da Fundación, Anxo Angueira, sinalara que na obra ‘En las orillas del Sar’  se facía mención ao lugar de Fondóns, en Rois, un dos puntos polos que pasa este roteiro. O ano pasado colocouse precisamente nos Fondóns unha placa conmemorativa.

En Padrón, tanto despois da saída como antes de rematar esta senda na estatua de Rosalía, o trazado pasa polo Santiaguiño do Monte, a igrexa de Iria Flavia, a Casa Museo e por diante da casa na que a escritora pasou parte da súa infancia, na praza Ramón Tojo.

Rosalía nos camiños permite coñecer tamén en Dodro o palacio de Lestrobe, a praza do Mercado, as torres de Hermida ou a fonte de Santa María.

“Trátase dunha ruta de sendeirismo que se pode facer só, coa parella, cos amigos ou coa familia, e que nos axudará a entender un pouco máis como era Rosalía e porque na súa obra sempre falaba do que tiña máis preto”, engadiu Tojo na presentación.

O roteiro, que se sinalizará con fitos de pedra realizados polo canteiro José Conde e que levarán esculpida unha figueira deseñada polo escultor Camilo Seira, será inaugurada de forma oficial o sábado 21 de maio. Os alcaldes animaron a toda a veciñanza a asistir á camiñada e participar deste xeito nun dos actos cos que se celebrará o Día das Letras Galegas.

Actos e implicación do alumnado en Rois

Para conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Rois está a entregar hoxe unha libreta en homenaxe á escritora a todas as persoas que se achegan ás oficinas municipais. A libreta leva reproducida na portada a figura de Rosalía que pode verse na entrada ao Multiúsos. Este mesmo caderno repartirase tamén mañá entre os asistentes á representación A pluma viva de Rosalía que a compañía Os Quinquilláns ofrecerá no auditorio municipal a partir das 20.00 horas. Baixo a organización da ANPA San Isidro do CPI dos  Dices, Os Quinquiláns actuarán tamén pola mañá para o alumnado.

Así mesmo, o Concello, en colaboración co colexio de Urdilde, organiza mañá unha visita guiada dos escolares ata os Fondóns, para que nenas e nenos poidan coñecer o lugar que Rosalía menciona nun dos poemas de ‘En las orillas del Sar’. Esta acción completarase coa entrega dunha unidade didáctica sobre a figura de Rosalía entre a cativada dos centros educativos municipais.

Pola súa parte, pequenas e pequenos da escola infantil A Galiña Azul e do colexio de Urdilde  plantarán nos seus centros fillas da figueira da casa da Matanza.