A Andaina Bisbarra do Sar chegará o sábado 2 de abril á súa décimo quinta edición. A proba, cun percorrido de 50 quilómetros que discorre polos municipios de Rois, Padrón e Dodro, é puntuable para a Copa Galega de Andainas de 50 Kms. Pero a participación tamén está aberta a todas aquelas persoas que se animen a andar treitos máis curtos ou que queiran cubrila correndo. As inscricións poden facerse ata o 24 de marzo, sempre que queden prazas dispoñibles, na páxina http://andainabisbarradosar.com/.
O percorrido iniciarase ás 9.00 da mañá na rúa padronesa de Tetuán (onde o supermercado Gadis) e dividirase en tres aneis de 16, 18 e 16 quilómetros respectivamente. Aquelas persoas que non poidan ou queiran facer a proba enteira terán a opción de empezala tamén no segundo anel ou abandonala ao final dalgún dos treitos intermedios. Neste caso, levarán un diploma no que figurará o número de quilómetros realizados.
Só os participantes que completen o percorrido obterán a acreditación válida para a Copa Galega de Andainas. O tempo máximo do que dispoñen é de 12 horas.
A outra posibilidade de participación é correndo. Quen opte por esta modalidade, terá un un tempo máximo de seis horas e media para completar a proba.
As inscricións teñen un custo de 11 euros para persoas con ficha na Federación Galega de Montaña e de 13€ para o resto. Estes prezos incrementaranse en dous euros a partir do 1 de febreiro. O prazo para apuntarse rematará o xoves 24 de marzo ou cando se cubran as prazas dispoñibles.