As estradas do municipio de Rois volveron converterse este sábado 10 de maio nun escaparate de alto nivel do ciclismo base coa celebración da 18ª edición do Premio Ciclista do Santo Isidro – Trofeo Suso Blanco Villar, unha proba que cada ano gaña peso no calendario galego.

Organizada polo Club Ciclista Padronés Cortizo en colaboración co Concello de Rois, a competición foi puntuable para a Copa Galicia do Porvir e reuniu a un total de 117 participantes das categorías cadete, júnior (masculina e feminina) e elite-sub 23 feminina, con presenza dos principais clubs galegos e das seleccións femininas portuguesas.
O percorrido, cunha esixente ruta circular que partía e remataba diante da Casa do Concello, pasou por lugares emblemáticos do municipio como Oín, A Pontenova, Formarís, Muronovo, Lestrove ou Padrón. A proba desenvolveuse con normalidade e cunha importante asistencia de público que animou aos corredores durante toda a carreira.
Dominio do Club Ciclista Cambre
O gañador na categoría cadete foi Héctor Rodríguez, do CC Cambre (1:18:29), seguido de José Manuel Pintos, do Lynalfa CC Ponteareas (1:18:30), e do seu compañeiro de equipo, Lucas Blanco (1:18:34), a quen lle dedicou o triunfo pola súa axuda durante a proba. Entre as féminas a mellor foi Vega Aldrey (1:01:06), tamén do CC Cambre, quen superou na meta a Tania Rodríguez, do CC Teis (1:02:39), e a Leire García, do Lynalfa CC Ponteareas (1:02:40). A mellor júnior foi Inés Santalla, tamén do Cambre (0:55:44), que se subiu ao máis alto do podio con Irene Signo, do La Sede Bicycles-Tenerife (1:00:52) como segunda e Nerea Suárez, do Carballo CC, terceira (1:00:59).

Na categoría masculina júnior o primeiro en cruzar a liña de meta de Rois foi Lois Gómez, do Avanza Porriño (1:41:37), seguido de Enrique Pérez, do Club Ciclista Teis (1:41:39), e de Néstor Frias do Equipo Cortizo (1:41:43).

A mellor na categoría feminina elite foi María Jesús Barros, do Supermercados Froiz (1:27:34), quen superou na meta a Iria Nieto, do Team Oiense Women (1:27:46). A mellor sub-23 foi Daniela Isidoro (1:27:34).

Ademais, na categoría cadete, Martiño Rama, de Ponteareas, gañou o Trofeo do Sprint especial, mentres que o seu compañeiro José Manuel Pintos adxudicouse o das Metas Volantes. Pola súa banda o Premio da Montaña foi para Lucas Blanco, do Cambre.

Entre os júniors, Ares Lorenzo, do Voltia-Lvcvs Avgvst, acaparou os Trofeos do Sprint especial e das Metas Volantes, mentres que o Premio da Montaña recaeu en Nestor Frías, do Cortizo.
Lois Gómez, Inés Santalla, Vega Aldrey e Lucas Blanco saíron de Rois lucindo a camisola de líderes da Copa Galicia do Porvir.

A entrega de trofeos estivo presidida polo concelleiro de Deportes, José Luis Ares, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o presidente do Club Ciclista Padronés, Estanislao Vázquez, e a filla de Suso Blanco Villar, María Blanco Castro, quen participou na cerimonia.

O Concello de Rois agradece o traballo organizativo do Club Ciclista Padronés Cortizo, a colaboración da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico e do voluntariado, e o compromiso dos veciños e veciñas quen fixeron posible unha nova edición dun evento que xa é tradición no marco das festas patronais do Santo Isidro.