O Multiúsos de Rois acolleu este sábado, 31 de xaneiro, a presentación de Por unha promesa, a primeira novela de Mercedes Autrán, nada na aldea de Casas do Porto, nun acto cargado de emoción que reuniu a numerosa veciñanza, así como familiares e amizades da autora.

O acto contou coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo, da tenente de alcalde, Mercedes Basante, e da concelleira Victoria Quiroga, que quixeron acompañar á autora nunha xornada moi especial. Durante o propio desenvolvemento do encontro, o público sorprendeu a Mercedes Autrán cantándolle o “Cumpreanos feliz”, xa que o evento coincidiu co seu aniversario, nun momento entrañable que puxo de manifesto a proximidade e o cariño da veciñanza.

O alcalde foi o encargado de abrir o acto, destacando o papel da autora como referente para a comunidade: “Este tipo de iniciativas son vitais para o noso desenvolvemento, porque axudan a que todas as persoas teñan referentes na vida e, especialmente, a que a cativada vexa que hai quen, sendo de aquí, da aldea, realiza un labor importante e inspirador”, sinalou.

No transcurso do acto interviñeron tamén a politóloga Marta Casal, que afondou no motivo polo que o protagonista da novela ten nacionalidade surcoreana, un dos elementos máis singulares da obra, e o cantante Antonio Barros, gañador do espazo Recantos da TVG no ano 2017, que falou e cantou ao amor como eixo vertebrador da historia, personificado na figura da nai da autora, inspiración fundamental pola que Mercedes Autrán decidiu escribir esta novela.

Tras o acto, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de adquirir exemplares do libro, que foron asinados pola propia autora, e compartir un momento de convivencia arredor duns petiscos, pechando así unha mañá cultural marcada pola proximidade, o recoñecemento ao talento local e a participación veciñal.

Con esta iniciativa, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e co apoio ao talento do municipio, favorecendo espazos de encontro que fortalecen a vida cultural e social de Rois.