“Seguir construíndo unha Europa máis forte entre todos e favorecer que a veciñanza de Rois poida participar en intercambios para coñecer outra forma de facer as cousas” son dous dos obxectivos polos que o alcalde de Rois participou este sábado en Mandanici (Italia) no acto de irmandamento con municipios doutros cinco países europeos.
O encontro, que forma parte do programa Europa para os Cidadáns 2014-2020, enmárcase nunha clara vontade de unidade dos países. Baixo o lema ‘Deter o incremento do euroescepticismo grazas ao debate cidadán’ celebráronse sesións de traballo dende o pasado venres ata hoxe mesmo, cando conclúe a cita.
En Mandanici, un municipio situado a 90 quilómetros de Catania, a rexión italiana de Sicilia, déronse cita representantes de Rois e dos concellos de Mandanici (Italia), Gmina Przygodzice (Polonia), Hevizgyork (Hungría), Lukovit (Bulgaria), Qrendi (Malta) así como da asociación sueca Sissi ONG (Suecia).
“Queremos que Rois sexa coñecido en Europa, pero tamén que a nosa xente poida coñecer outras culturas e outra forma de facer as cousas, que poida participar en intercambios como os que vimos promovendo dende o Concello coa Escola Municipal de Música e co OCT Chorima”, decía esta mañá Ramón Tojo Lens.
O venres, o alcalde, Ramón Tojo, e a concelleira Mercedes Basante, uníanse ao resto da delegación roisense, que estivo formada tamén polo tenente alcalde Manuel dos Santos, a traballadora social Eva Castro e a educadora familiar Uxía Pérez.
Durante o encontro, ademais de coñecer a rexión italiana, representantes de cada delegación fixeron unha presentación dos seus respectivos municipios. O acto oficial de irmandamento celebrouse o sábado. Na súa intervención, o alcalde de Rois resaltou a importancia de seguir construíndo Europa e escapar dos localismos e dos movementos que tentan promover o euroescepticismo. “Os proxectos individuais nun mundo globalizado non conducen a ningún lado. Nós estamos convencidos de que todos xuntos, aínda que tardemos algo máis de tempo, chegaremos moito máis lonxe”, dixo. “Firmamos este irmandamento porque queremos seguir facendo unha Europa unida e forte, na que todos e todas temos cabida e moitas cousas que aportar, para todos xuntos chegar máis lonxe e construír un mundo mellor”, concluíu Tojo entre os aplausos dos asistentes.