O Pleno da Corporación de Rois acordou esta mañá interpoñer recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia do agosto pasado que autorizou a liña de alta tensión Lousame-Tivo, que pasa pola aldea de Angueira de Castro e polo Castro Lupario.
O acordo foi aprobado cos votos a favor dos seis concelleiros do equipo de goberno do PP presentes na sesión. Antes da votación, os tres concelleiros socialistas abandonaron o salón de plenos alegando que non se lles facilitou o informe xurídico nin a información relativa ao expediente. A representante do BNG non acudiu á sesión.
O portavoz socialista, Manuel Regueira, asegurou que o PSdeG xa preguntara no Parlamento galego e que non vai recorrer o acordo plenario de hoxe. “Non queremos participar desta comparsa, polo que o mellor que podemos facer é abandonar a sesión”, dixo antes de saír os tres do salón de plenos.
Pola súa banda, o alcalde, Ramón Tojo, dixo que “o grao de compromiso do grupo socialista é mínimo, tanto con esta como con outras causas”. O alcalde recordou que o grupo de goberno, que conta con maioría absoluta na Corporación, “solicitou o apoio dos outros grupos. Uns abandonan a sesión e outros non viñeron. Temos suficiente apoio e asesoramento para presentar este recurso”, concluíu Ramón Tojo. O pasado mes de agosto, a Xunta de Galicia daba o visto bo ao proxecto dunha liña de alta tensión, con torres de 60 metros de altura, entre Lousame e Tivo (Caldas) que pasa por riba de Angueira de Castro e moi preto do Castro Lupario. O acordo foi publicado no DOG o 30 de agosto, polo que o Concello de Rois ten ata o día 30 deste mes para anunciar a presentación de recurso contencioso administrativo diante do TSXG, segundo dixo o alcalde no pleno. A veciñanza de Angueira de Castro tamén se opón a esta liña de alta tensión.