Atendendo ás últimas medidas e recomendacións achegadas pola Xunta de Galicia sobre o Covid-19, o Concello de Rois acordou a suspensión temporal a partir de mañá venres das actividades deportivas para persoas adultas, das escolas deportivas e culturais municipais, así como o peche temporal da escola municipal de música, da biblioteca municipal, da aula de informática, das instalacións deportivas e do edificio multiúsos.
O Concello de Rois tamén cancelou a excursión da terceira idade que se ía realizar a Islantilla (Huelva), prevista para o mes de abril. O Concello devolverá a cota ingresada polas persoas que xa estaban anotadas.
Esta decisión adóptase seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias en relación coa contención do coronavirus.
Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.