O Concello de Rois vai reunir a vindeira semana a representantes dos 27 países da Unión Europea nun encontro que ten por obxectivo fomentar a participación da cidadanía na construción europea. Este proxecto de Rois foi o único aprobado en Galicia e figura entre as 40 propostas financiadas pola Comisión Europea das preto de 400 presentadas no programa Europa para a cidadanía.
Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, os populismos e a desinformación son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado pola Comisión Europea.
‘As voces europeas desafían o euroescepticismo’ foi a proposta presentada polo Concello de Rois e a única aprobada en Galicia pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (Eacea), dentro da subacción Redes de Cidades. Será, ademais, unha das poucas iniciativas que vai reunir a representantes dos 27 países da Unión Europea, de todas cantas se celebran na UE.
O alcalde, Ramón Tojo, inaugurará este encontro o vindeiro mércores no Seminario Maior de Santiago, nunha xornada na que tamén participará o director xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea, que falará sobre as ‘Causas e consecuecias do euroescepticismo’.
A profesora do departamento de Economía Aplicada da USC e veciña de Rois Pilar Freire Esparís abordará na súa conferencia os ‘Retos da Europa do século XXI’. Na mesa redonda que pechará a xornada matinal participarán Eva Lorenzo, subdirectora de relacións coa UE; Rocío Ovalle, coordinadora de Cruz Vermella; Cristina Villadóniga, técnica en asuntos europeos; e Lucía Carballeira, experta en igualdade.
Os 53 participantes estranxeiros neste encontro visitarán o xoves pola mañá o Parlamento de Galicia e, á tarde, desprazaranse ata Rois para firmar o protocolo de irmandamento no auditorio municipal. No acto de clausura actuará alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.
Ademais deste encontro en Rois e Santiago, está prevista a celebración doutros tres eventos ata agosto de 2022. En La Valletta (Malta), do 11 ao 14 de febreiro vaise estudar a crise migratoria que provoca o euroescepticismo. Do 19 ao 22 de abril en Budapest (Hungría) escoitaranse voces discordantes nun dos países máis contrarios ás políticas da Unión Europea. E, para rematar, do 23 ao 26 de maio celebrarase outro encontro en Tesalónica (Grecia), berce da democracia e o país que máis sufriu a intervención económica durante a pasada crise.