O Concello de Rois organiza unha ampla programación cultural e deportiva para o mes de maio, coincidindo coa celebración das festas patronais e das Letras Galegas e que terá o seu día grande do día do Santo Isidro. O 15 de maio Ramón e Clara Abalo recibirán a homenaxe Santo Isidro Labrador polo seu traballo no mundo da camelia durante unha festa da que será pregoeira a moza María Losada Vázquez.

Ramón e Clara Abalo, pai e filla veciños de Oín, cultivan e coidan preto de setecentas variedades de camelias e non se cansan de recibir premios nos concursos ou certames aos que se presentan. O último foi o pasado mes de febreiro en Pontevedra, no Concurso Exposición Internacional da Camelia, no que conseguiron o primeiro premio na categoría doutras especies de camelia e o segundo no de camelia xapónica branca.

O xoves 15 de maio pai e filla recibirán a homenaxe Santo Isidro Labrador durante a celebración o xantar popular que organiza o Concello con motivo das festas patronais. Unha festa da que este ano será pregoeira a moza roisense María Losada Vázquez, que o vindeiro mes de xuño presentará o seu segundo libro, titulado El club de los neurodivergentes. Más que todo. Durante o acto tamén se entregará o premio a Victoriano Trenco Diz, como gañador do concurso para elixir o cartel anunciador das festas.

Como todos os anos, o xantar popular do Santo Isidro xuntará a centos de persoas no polideportivo dos Dices. Para asistir é necesario retirar a correspondente entrada no concello de Rois antes do 12 de maio. Os prezos do menú son de 7 euros para nenos e nenas de Rois de 10 anos ou menos, 12 euros para as persoas empadroadas en Rois e 27 euros para as persoas non empadroadas en Rois. O día da festa, o Dúo Marema, inchables e xogos animarán a sobremesa.

O día seguinte, 16 de maio, celebrarase no campo da festa de Rois a gran verbena do Santo Isidro, que estará amenizada pola orquestra Charleston Big Band e La Mega CDC.

Actividades culturais e deportivas

Coma todos os anos o Concello de Rois conmemorará o Día das Letras Galegas cunha ampla programación cultural e deportiva que comeza coa exposición As cantareiras e a poesía popular oral. Letras Galegas 2025, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no multiúsos a partir do día 5.

O 9 de maio pola tarde celebrarase unha nova edición do Serán da linguapara dar protagonismo as agrupacións folclóricas locais . A partir das 19.00 horas no auditorio municipal actuarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde e as Pandeireteiras de Ermedelo. O acto rematará cunha gran chocolatada.

O 10 e 11 de maio collerá o relevo o alumnado da Escola Municipal de Música, cos Concertos de Primavera no auditorio (19.00 horas).

O alumnado dos centros educativos de Rois poderá gozar tamén cunha programación pensada especificamente para eles, cunha serie de espectáculos que se van desenvolver no auditorio municipal. O día 20, Tanxarina representará A biblioteca galáctica contra a IA fantástica para nenos e nenas de 4º a 6º de educación primaria. O día 20 Pakolas porá en escea Ecoralia canta, canta, xoga e debuxa, pensada para nenos e nenas de educación infantil. O día 22, Alexandre Bóveda Teatro representa A fraga en perigo para alumnado de 1º a 3º de educación primaria. Xoán Curiel e Charo Pita levarán o seu espectáculo de teatro, música e narración oral ata Rois o día 23 para entreter a toda a familia (recomendado para menores a partir de 6 anos), e o 26 de maio o alumnado da ESO poderá escoitar a Avelino González co seu Monólogo GPA galego para adolescentes.

A programación cultural rematará o 30 de maio cunha nova celebración do Naturfest ‘As voces de Rois’que este ano se celebra en Buxán, para poñer en valor a tradición oral e render homenaxe ás voces que fixeron e seguen facendo posible que chegue ata nós este gran legado.

Ademais, o Concello de Rois recorda que ata o 30 de setembro pódense presentar os traballos para participar no Certame literario Lois Aldegunde de relato breve e poesía.

Ciclismo, andaina e tenis

A programación deportiva inclúe o XVIII Premio Ciclista do Santo Isidro. Trofeo Suso Blanco Villar, que se disputará o sábado 10 de maio, a partir das 16.00 horas, para categorías cadete e júnior (masculino e feminina) e Sub-23 e elite femininas. A saída e meta será diante da casa consistorial.

O domingo 18 de maio celébrase a VI Andaina do Santo Isidro. Letras Galegas, con saída (10.00 horas) e chegada no polideportivo de Rois e un percorrido de 14 quilómetros con coplas da tradición oral de Rois. As inscricións poden facerse ata o 14 de maio na web de Emesports.

E o sábado 31 de maio, de 10.00 a 14.00 horas,  disputarase o II Torneo infantil de tenis no polideportivo de Rois e na pista de Herbogo.

Programa completo na seguinte imaxe