
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu a asistencia das 700 persoas que hoxe participaron no xantar popular do Santo Isidro, durante o cal o Concello lle rendeu homenaxe a José Luis Franco Pérez, “un home ao que todos coñecemos e que durante máis de 45 anos rexentou a taberna A Carballeira, en Sorribas, un punto de encontro para moitos de nós”, asegurou. O acto contou coa asistencia da delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e dos alcaldes de Padrón, Dodro, Teo e Boqueixón, entre outras autoridades.

Visiblemente emocionado por recibir a homenaxe Santo Isidro Labrador, José Luis Franco deulle as grazas “a todas as persoas que durante máis de 45 anos” pasaron pola taberna a Carballeira, en Sorribas, que rexenta dende 1979, primeiro na compaña da súa nai e, nos últimos anos, coa súa dona Catalina Cobas. “Grazas a todas esas persoas que viñan todos os días ou cando podía, e que me fixeron sentir máis que como un taberneiro, como un amigo ou como un compañeiro”, afirmou. Como recordo da homenaxe, Ramón Tojo entregoulle a figura dun peregrino.

A festa do Santo Isidro serviu tamén este ano para que Gabi García Calvo se estrease como pregoeiro. Natural de Casal de Seira, @gabiii8 (nome que usa nas redes sociais) é un mozo de 34 anos que comezou a traballar como educador na escola infantil de Rois, profesión que agora exerce na escola infantil A Galiña Azul de Dodro. “Hoxe cumplo un soño: dar o meu primeiro pregón no pobo onde nacín, me criei, medrei, do que gardo moitos recordos e o primeiro concello no que empecei a traballar coidando aos nenos da escola infantil”, dixo este creador de contido en galego. En plan de broma, Gabi García amousou a súa esperanza de que “algún día lle poñan o meu nome a unha corredoira”. Ao rematar, Ramón Tojo, entregoulle a escultura dunha labrega creada por Camilo Seira.
Durante o acto, tamén se rendeu homenaxe as tres persoas centenarias do municipio e o alcalde entregoulle o premio a María Dolores Busto Beade como deseñadora do cartel que este ano gañou o concurso para promocionar as festas do Santo Isidro.
No xantar popular, acompañaron ao goberno de Rois a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo; os alcaldes de Padrón, Dodro, Teo e Boqueixón; o capitán da Garda Civil de Noia, entre outras autoridades.
Tras degustar un menú composto por empanada, pulpo e carne ó caldeiro servida por pulpería Veloso, as persoas asistentes puideron asistir pola tarde da actuación musical de Antonio Barros e Ialma, financiada pola Secretaría Xeral da Lingua. A cativada tamén puido gozar cos inchables, os obradoiros e os xogos populares.
A festa do Santo Isidro de Rois comezaba pola mañá co pasarrúas do gupo de gaiteiros do OCT Chorima polas rúas de Urdilde e Rois, e a misa solemne na igrexa parroquial, na que o alcalde encabezou a procesión co santo.
















