O Concello de Rois vén de anunciar o inicio dos programas de apoio á conciliación familiar para o curso 2025/26, que inclúen a continuidade do servizo de Ludoteca escolar e, como gran novidade, a posta en marcha do Servizo Amencer. Ambos recursos están deseñados para facilitar a organización das familias e ofrecer ao alumnado un espazo de aprendizaxe, xogo e creatividade fóra do horario lectivo.

O Servizo Amencer está pensado para atender ás nenas e nenos antes do inicio das clases. No CPPI Os Dices de Rois funcionará de luns a venres entre as 07.00 e as 09.00 horas, mentres que no CEIP Plurilingüe O Pumar de Urdilde prestarase de luns a venres de 07.30 a 09.30 horas.

O servizo de ludoteca manterase un curso máis en ambos centros. No CPPI Os Dices terá lugar de luns a venres de 14.40 a 16.40 horas e no CEIP Plurilingüe O Pumar de 15.30 a 17.30 horas.

As cotas mensuais destes servizos varían en función do número de horas e días de asistencia. No caso do Amencer, os prezos oscilan entre 12 e 30 euros, con tarifas específicas para días soltos. Pola súa parte, a ludoteca establece cotas entre 12 e 30 euros, tamén con opción de asistencia en días soltos.

O Concello recolle ademais bonificacións co obxectivo de facilitar o acceso a estes programas: aplicarase un desconto do 5 % polo pagamento do curso completo, do 15 % no caso da matrícula dun segundo irmán ou irmá, así como para familias numerosas, monoparentais ou con algún membro cunha discapacidade recoñecida superior ao 33 %. As inscricións poderán realizarse ata o luns 25 de agosto de xeito telemático na plataforma habilitada para elo, a que se pode acceder a través de este enlace.   

Os prezos e descontos poden consultarse na seguinte imaxe e descargarse no documento adxunto.