O alcalde de Rois, Ramón Tojo, reuniuse cos veciños da parroquia de Augasantas e volveu reclamarlle á Deputación Provincial da Coruña que cumpra co seu compromiso e amplíe a estrada DP-7402 de Martelo ata Augasantas, “porque supón un perigo para o tráfico, xa que cando se cruzan un tractor e un camión non caben na vía”. O deputado provincial Evaristo Ben, que se desprazou ata a zona, presentará un rogo no pleno da Deputación de mañá para saber cando se vai executar unha obra que xa fora anunciada en 2019 na páxina web da Deputación cun investimento de 1,2 millóns de euros.
“O firme da estrada está en bo estado, pero é tan estreito que cando nos cruzamos dous tractores ou un tractor e un turismo, temos que botarnos fóra do asfalto porque non cabemos”, indicada un veciño de Augasantas que ten unha explotación gandeira con máis de 600 cabezas. “Teño que ter moito coidado cando vou coa cisterna cargada. Leva 20.000 litros e se me boto para a cuneta pode envorcar”, engadía outro agricultor que ten máis de 800 cabezas de gando.
Ramón Tojo visitou o lugar acompañado polo deputado provincial do Partido Popular Evaristo Ben, que no pleno da Deputación de mañá vaille preguntar ao presidente do organismo provincial “cando ten previsto comezar coas obras de ampliación desta estrada. En marzo de 2019, a Deputación anunciou na súa páxina web que investiría 1,2 millóns de euros. Dous anos despois estas obras aínda con comezaron”, afirmou Evaristo Ben.
Hai dous anos, o presidente da Deputación destacaba o “carácter estratéxico deste proxecto” de ampliación da estrada que une as comarcas de Noia e Padrón, xa que a DP-7402 serve de conexión entre a AC-301 (Padrón-Augasantas) e a AC-543 (Santiago-Noia). Estas obras permitirían ampliar a calzada ata os 7 metros de ancho e ter beiravías laterais de medio metro en cada unha das marxes.
O alcalde de Rois, apoiado polos veciños, asegurou que esta estrada ten moito tráfico, xa que supón un eixe importante de vertebración entre o sur e o norte do municipio, e tamén entre dúas comarcas moi importantes de Galicia. “Comunica Padrón e a autovía do Barbanza coa autovía de Noia, polo que moitos camións utilizan a DP-7402”.
Os veciños e agricultores presentes na xuntanza coincidiron en sinalar que o problema non é o firme da estrada, que está en boas condicións. Si sinalaron que as sucesivas capas de aglomerado o que fixeron foi “levantar máis o firme e incrementar o desnivel entre a estrada e a cuneta. Eu xa tiven un accidente co coche e envorquei un día que quixen apartar porque viña outro coche de fronte”, engadiu outro dos presentes.
Ramón Tojo e o concelleiro de Obras de Rois, Carlos Ares, mediron o ancho da estrada e comprobaron que a capa de rodadura ten escasamente seis metros de ancho, o que dificulta que dous vehículos de gran tamaño (como camións, ou os tractores modernos) poidan cruzar sen ter que botarse fóra do asfalto e ocupar parte da cuneta, como puido comprobar o propio Evaristo Ben durante a visita a Augasantas.