• Haberá concertos conxuntos o domingo e o martes abertos a toda a veciñanza
• O grupo coñecerá a comarca do Sar, Santiago e A Coruña na súa estancia en Galicia ata o mércores
• Devolven a visita que no mes de maio fixo o grupo de Rois á cidade italiana
Este venres chega a Rois un grupo de 25 alumnos e 6 profesores da Escola Comprensiva Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia para participar no intercambio coa Escola Municipal de Música de Rois e co Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Durante a súa estadía en Galicia, os integrantes da comitiva italiana coñecerán a comarca do Sar, Santiago e A Coruña, e participarán nos dous concertos conxuntos programados para o domingo e o martes que están abertos a toda a veciñanza.
O Concello de Rois promove e financia este intercambio coa finalidade de “achegar cultural e musicalmente aos estudantes do concello a outras realidades e formas de entender a música e a cultura”, segundo indica o alcalde, Ramón Tojo Lens. Na primeira parte desta iniciativa, un grupo de 24 persoas, formado por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, do OCT Chorima e familiares visitaron Venecia do 27 de maio ao 1 de xuño.
A comitiva italiana chegará a Rois o venres pola noite. O sábado pola mañá coñecerá Santiago e, pola tarde, participará en diferentes actividades e nunha cea de confraternidade co alumnado de Rois nas instalacións de Galipark.
O domingo, tras unha visita pola mañá ao Museo Casa Rosalía e ao mercadillo de Padrón, pola tarde ofrecerán o primeiro concerto conxunto no que participará alumnado e profesorado da ESMU de Rois, do OCT Chorima e da comitiva italiana. O concerto comezará ás sete da tarde e poderá asistir toda a veciñanza que o desexe.
Para coñecer un pouco máis Galicia, os italianos visitarán o luns a cidade da Coruña (Torre de Hércules e castelo de Santo Antón incluídos) e o martes achegaranse pola mañá ata Corrubedo, para percorrer as dunas, o faro e o pobo.
A tarde do martes está destinada a ensaiar e ao segundo dos concertos conxuntos que ofrecerán alumnos e profesores tanto de Rois como de Venecia a partir das sete da tarde.
Unha cea intercultural, na que se poderán degustar produtos galegos e italianos poñerá o colofón a este intercambio que promoveu o Concello de Rois tras o irmandamento cos catro países europeos asinado o pasado mes de novembro.
O mércores, día 19, a comitiva veneciana será recibida no Concello de Rois antes de emprender o viaxe de retorno a Italia.
Durante a visita a Venecia o pasado mes de maio, tanto alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, como representantes do OCT Chorima destacaban a importancia de poder coñecer experiencias doutros países, para enriquecerse cultural e musicalmente.