O Concello de Rois vai construír unha nova depuradora na parroquia de Sorribas para poñerlle fin aos problemas de saneamento neste núcleo. O Pleno da Corporación ratificou na sesión ordinaria deste venres o convenio asinado polo alcalde con Augas de Galicia para a execución das obras, que supoñen un investimento de 324.731 euros. Destes cartos, o Concello aportará un 20 por cento mentres que o resto será financiado pola Xunta, polo Ministerio de Agricultura e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Ramón Tojo someteu á consideración do Pleno o devandito convenio, asinado o pasado mes de abril con Augas de Galicia por resolución da alcaldía, que foi ratificada por unanimidade.
Segundo este convenio, as obras realizaranse durante este ano e o que vén. Contarán cun investimento total de 324.731,75 euros, reservándose a maior parte (249.803 €) para o exercicio 2026. O Concello comprométese a aportar os terreos e as autorizacións necesarias para que Augas de Galicia redacte o proxecto e execute as obras, que teñen por obxectivo implantar un sistema de depuración adecuado en Sorribas. Os traballos obxecto deste convenio serán cofinanciados pola Unión Europea a través do Feader, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC9).
O pleno aprobou así mesmo o convenio de colaboración co Concello de Brión para o acondicionamento do vial que vai de Codesido a Sabaxáns, cun orzamento de execución de 137.970 euros. Para levar a cabo este proxecto, o Concello de Rois solicitará unha subvención de 50.000 euros á Dirección Xeral da Administración Local. O resto do orzamento será asumido a partes iguales polos dous concellos, o que supón unha achega de 43.985 euros cada un.
O convenio entre os concellos de Rois e de Brión foi asinado por resolución da alcaldía o pasado 28 de febreiro, ratificada no pleno do venres por unanimidade.
Por último, ratificouse tamén por unanimidade unha resolución da alcaldía pola que se emendaban uns erros na presentación do POS+ 2025.
Liña de alta tensión no Castro Lupario
O alcalde, Ramón Tojo, informou o pleno da sentenza da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola que se anula parte do trazado dunha liña eléctrica de alta tensión autorizada pola Xunta, situada na contorna do Castro Lupario e do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, por causa da súa afectación a un territorio histórico e paisaxe cultural.
Con esta sentenza, que corresponde ao procedemento ordinario 7331/2022 e que é recurrible en casación ante o propio tribunal, o TSXG aceptou o recurso interposto polo Concello de Rois contra o acordo do Consello da Xunta que aprobou a construción e declarou a utilidade pública da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica. No auto, asinado o pasado 2 de abril, o tribunal imponlle o pago das costas a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a Rede Eléctrica de España.
En resposta ao BNG no apartado de rogos e preguntas, o equipo municipal de goberno sinalou que nestes días se acometerá o acondicionamento das rutas de sendeirismo do municipio. Tamén deu conta, por interpelación do PSdeG, dunha subvención de 33.000 euros destinada a reforma do local social da Peruca e da solicitude a Agader doutra achega para poder asfaltar un camiño rural entre Ermedelo e Augasantas que dá servizo a varias fincas.
