Rois desenvolve un ano máis o programa para visibilizar o seu compromiso pola erradicación da violencia machista. Nesta semana do 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación da violencia contra a muller, o Concello quere mandar un mensaxe de tolerancia cero con este tipo de comportamentos, inconcibibles na sociedade. Tinguir a casa consistorial de violeta, unha andaina solidaria ou a exposición de debuxos conmemorativos do 25N son algunhas das accións que se desenvolverán nos próximos días, co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de denunciar as actitudes machistas.

A axenda programada para o 25N comeza ás 18.00 horas co acendido das luces na casa consistorial. Logo, ás 18.15, comezará a andaina Camiño ao respecto, marcha reivindicativa que chegará ata o edificio multiúsos, onde terá lugar a presentación do libro Eutimia.

Eutimia será o convidado de honra á celebración deste día. María Aboy Oubel presentará no seu concello natal o seu libro, unha novela negra que camiña sobre a violencia de xénero e fai fincapé na estigmatización dos trastornos na saúde mental. Tras a presentación, a música converterase en protagonista coas actuacións do OCT Chorima, da Asociación de mulleres rurais de Urdilde, da Asociación de mulleres rurais de Ermedelo e da Asociación de amas de casa de Rois. O acto oficial concluirá coa lectura do manifesto de Rois contra a violencia de xénero, pechando o acto.

A partir do día 25 tamén poderá visitarse no multiúsos a exposición de debuxos realizados polo alumnado dos centros educativos do municipio co gallo do 25N.