O Concello de Rois mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de inscrición para un amplo e variado programa de actividades deportivas e culturais, dirixidas tanto a maiores como aos máis novos. En cumprimento coa normativa derivada da crise sanitaria da Covid-19, a oferta de actividades adáptase ás circunstancias actuais, sendo obrigatorio o uso de máscara e desenvolvéndose as propostas en grupos reducidos.
As persoas interesadas deberán anotarse nas oficinas municipais ou no multiúsos antes do mércores 30, pois as clases comezarán o luns 5 de outubro, unha vez que se conformen os grupos. A maioría das actividades impartiranse en Rois e Urdilde.
Actividades deportivas para adultos
As actividades deportivas para adultos inclúen zumba (40 €/curso), pilates (60 €), ioga (40€) e ximnasia de mantemento para maiores de 55 (40 €). O polideportivo municipal de Rois acollerá estas clases, mentres que en Urdilde zumba, pilates e ioga se celebrarán no ximnasio do CEIP do Pumar e a ximnasia de mantemento farase no polideportivo municipal. A maiores, o Concello ofrece a actividade de acondicionamento físico (40 €) no ximnasio municipal dos Dices, cun número de prazas limitado ao aforo.
As persoas que opten por zumba e pilates pagarán só 65 € por todo o curso, e aquelas que escollan ximnasia para maiores de 55, pilates e zumba, pagarán 95 euros o curso completo.
Escolas deportivas municipais para escolares
A oferta deportiva para os máis novos do municipio inclúe patinaxe artística (4 a 16 anos, 50€), tenis (50 €), ximnasia rítmica (50€) e judo (3 a 16 anos, 70 €); todas elas impartiranse nos polideportivos de Rois e Urdilde.
No referido á actividade de xadrez (50€), poderá realizarse tanto de xeito presencial (no edificio multiúsos de Rois ou nos equipamentos municipais de Urdilde) como en liña, en cuxo caso non hai límite de participantes.
As escolas deportivas municipais contarán este ano cun máximo de 14 participantes por grupo. Con respecto a cursos anteriores, deixan de ofertarse actividades que implican o contacto físico, como o fútbol sala ou o baloncesto.
Os nenos e nenas que se matriculen en dúas actividades terán un 25% de desconto na matrícula da segunda actividade. No caso de varios irmáns, haberá un 50% de desconto par ao segundo e sucesivos irmáns ou irmás que se matriculen nas escolas deportivas municipais.
Actividades culturais e formativas
No eido cultural e formativo, o Concello ofrece clases de artes plásticas e creativas a cargo de Camilo Seira (30€/trimestre), con grupos a partir dos 3 anos ata a idade adulta. Tamén haberá clases de inglés a partir dos 3 anos (30€/mes), grupos de animación á lectura e o contacontos Arro-Rois para familias con crianzas de 0 a 3 anos (30€/curso), unha actividade de deseño de videoxogos (30€/trimestre) e clases de teatro do grupo municipal Vacalouras para escolares e adultos (30€/trimestre).
Outras actividades formativas para adultos son as clases de informática (30€/curso), xestións administrativas para a cidadanía a través da sede electrónica, teléfono móbil (30€/curso), micoloxía ou poda e inxertos.
Ademais, a Escola Municipal de Música de Rois ofrece este curso formación nos seguintes instrumentos: guitarra, acordeón, trompeta, saxofón, clarinete, batería, piano, violín, frauta, fagot, óboe, tuba, contrabaixo, trombón e combo.
Inscrición
O inicio destas actividades está condicionado á evolución da crise sanitaria da Covid-19, e calquera modificación do programa será comunicada a través da páxina web e do Facebook do Concello de Rois.
Para información e inscricións, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Rois (981 81 41 09) ou ao edificio multiúsos (981 81 60 61), nos horarios que figuran no tríptico informativo. Tamén se achegan nesta nova as fichas de inscrición (infantil e adultos), que deberán entregarse antes do 30 de setembro. A reserva de prazas, no caso de existir límite, realizarase por rigorosa orde de inscrición.