Cartel da programación de Outubro, mes dos libros

O Concello de Rois presenta un amplo e variado programa cultural baixo o epígrafe Outubro, mes dos libros, unha iniciativa na que se aposta por dar a coñecer e promocionar o teatro, a literatura, o mundo da ciencia e mesmo a historia de Galicia. Entre o venres 4 e o xoves 31 sucederanse as diferentes propostas coas que se busca implicar a veciñanza de todas as idades.

A primeira das citas será a inauguración da exposición 150 aniversario da primeira liña ferroviaria galega entre Cornes e Carril. Dende o venres día 4 , ás 19.30 horas, ata o 31 de outubro, as persoas que visiten a mostra no auditorio municipal poderán achegarse á historia do primeiro tren que o 15 de setembro de 1873 se puxo en marcha en Galicia cunha mostra que inclúe paneis informativos, fotografías e obxectos históricos. A visita é completamente gratuíta.

O auditorio municipal de Rois acollerá tamén, o venres 11 ás 18.00 horas, a representación da obra Animaladas, unha función de Teatro Calavera para todos os públicos no que a exploradora Jeanne Baret convida o público a unha misión na selva de Pitiminí. Esta selva, aínda que non é moi grande, está chea de misterios e especies por descubrir que iremos coñecendo a través da narración de contos.

O programa Outubro mes dos libros conta tamén cos dous obradoiros dirixidos á cativada. O primeiro deles é Descubrindo o mundo coa microbioloxía, un taller no que nenos e nenas a partir de 8 anos poderán exercer por un día de pequenos científicos. Realizarase o venres día 18, ás 18.00 horas, na biblioteca municipal. O segundo obradoiro, pensado para o público infantil a partir de 5 anos, títulase Os oficios do futuro e terá lugar o venres 25 ás 18.00 horas na biblioteca municipal. As prazas son limitadas para os dous obradoiros, polo que é preciso inscribirse a través do correo electrónico inscricions@rois.gal entre o día 1 e o 16.

Xa o domingo 27 levarase a cabo a visita teatralizada A montaña máxica da raíña Lupa. Mentres andamos entre Angueira de Castro e o Castro Lupario, o guía e actor Suso Martínez poñerase na pel do bispo de Iria para trasladarnos ao momento da traslatio e falarnos de paraxes e lendas vencelladas á tradición xacobea. As prazas para esta actividade son limitadas polo que haberá que inscribirse a través do correo electrónico inscricions@rois.gal do 1 ao 16 de outubro. A saída da actividade será ás 11.00 horas dende Angueira de Castro.

Outubro mes dos libros é unha iniciativa organizada polo Concello de Rois en colaboración coa Deputación da Coruña, o programa de dinamización da lectura Ler conta moito e o GDR Terras de Compostela.