O Concello de Rois abre o prazo de inscrición para as actividades de conciliación e ocio do Divernadal, dirixido a nenos e nenas a partir de 4º curso de Educación Infantil. Tamén presenta un programa de actividades para celebrar as festas no que os centros educativos do municipio están moi presentes e, ademais, recupera a tradicional Cabalgata dos Reis Magos e o Concerto de Nadal.

O Divernadal inclúe obradoiros distribuídos en tres quendas, en Rois e Urdilde, servizo de amencer e saídas de lecer ao cine, á pista de xeo e á cidade de Santiago de Compostela. Ademais de axudar a conciliar a vida laboral e familiar, o Divernadal ofrece un espazo de ocio e aprendizaxe para a cativada durante as vacacións de inverno. Desenvolverase entre o 22 e o 31 de decembro e do 3 ao 7 de xaneiro (agás o festivo día 6). O horario, de 9.30 a 14.00 horas, pode ampliarse co servizo de Amencer, que comeza ás 7.30 horas. A inscrición pode realizarse do 24 de novembro ao 3 de decembro, co formulario neste enlace.

O prezo do Divernadal é de 20€ por semana sen Amencer e de 25€ con este servizo; mentres que as familias que elixan as tres semanas poden beneficiarse dun desconto: 50 euros sen Amencer e 65€ con el. Os participantes do Divernadal poderán asistir de balde ás actividades de De viaxe polo Nadal: unha saída á pista de xeo na mañá do venres 24 de decembro, unha visita a Santiago de Compostela na mañá do venres 31 e unha saída ao cine na mañá do venres 7 de xaneiro. Estas saídas están abertas á participación doutros nenos e nenas, que terán que aboar 10 euros por cada unha delas.

Por outra banda, a programación de Nadal do Concello de Rois recupera dúas citas clásicas no calendario: a Cabalgata dos Reis Magos de Oriente, o mércores 5 de xaneiro, e o Concerto de Nadal, o sábado 18 de decembro ás 18.00 horas no auditorio municipal. No recital participarán as agrupacións da Escola Municipal de Música de Rois e as alumnas de música de 4º da ESO do CPI Os Dices.

Nestas datas, o Concello afianza a súa colaboración cos centros educativos do municipio, que se materializa na elaboración dunha guía de lectura con recomendacións para ler e agasallar este Nadal; cunha visita especial na última semana de cole para recoller as cartas do alumnado aos Reis Magos; e co concurso de tarxetas e contos de Nadal. Ademais, a páxina web municipal porá a disposición da veciñanza un modelo para redactar a carta de desexos, que poderá depositarse nas caixas de correo habilitadas nos colexios ou enviarse ao correo electrónico cultura@rois.gal ata o 4 de xaneiro, incluído.