• Nenos e nenas están a preparar no Divernadal os traxes cos que acompañarán á comitiva real dende a igrexa de Oín ata o polideportivo dos Dices

  • Dende o equipo de goberno animan á veciñanza a participar neste desfile, que comezará las 18.00 horas

 

Reivindicar a natureza sublime e darlle importancia ao monte que hai en Rois son o motivo que inspirou ao artista Camilo Seira para deseñas as tres espectaculares carrozas nas que este domingo os Melchor, Gaspar e Baltasar van percorrer o traxecto que vai dende a igrexa de Oín ata o polideportivo municipal de Rois. Na Cabalgata dos Reis Magos tamén están involucrados os nenos e nenas do Divernadal, que esta semana estiveron deseñando uns traxes feitos con materias naturais cos acompañarán ás súas maxestades e sorprenderán á veciñanza que queira ver este primeiro desfile de Reis que organiza o Concello de Rois.

Camilo Seira inspirouse na natureza que temos ao noso carón para deseñar as tres espectaculares carrozas nas que os Magos de Oriente irán desfilando pola capital de Rois este domingo, a partir das seis da tarde. O recoñecido escultor galego quixo escapar do concepto de maxia e fantasía que dende Hollywood, e sobre todo Walt Disney, tenta difundir por todo o mundo.

“Quero reivindicar a natureza sublime que temos aquí. Ese outeiro máxico no que xa se facían os rituais precristiás e o carballo que aparece no Concello serán parte importante da carroza”, explica Camilo Seira. “Esa árbore vella retorcida e na que van ir sentados os tres magos”, engade o escultor padronés, que ten a paixón pola natureza e polos animais como unha sinal de identidade propia.

As carrozas que este domingo participarán na Cabalgata dos Reis Magos de Rois semellaranse a un cacho de outeiro recortado sobre un remolque. Unhas carrozas que irán acompañadas polos nenos e nenas que neste Divernadal estiveron elaborando uns traxes acordes coas obras de Camilo Seira.

Durante estas vacacións de nadal, nenos e nenas involucraron tamén as súas familias para recoller produtos naturais (plantas, herbas, follas) para “deseñar e elaborar os traxes que utilizarán o domingo para acompañar ás Súas Maxestades de Oriente”, indica o coordinador do Divernadal, Julio Esparís.

20191230 Traxes cabalgata Rois3

Para elaborar estes traxes, nenos e monitores foron falar como Camilo Seira, para ter unha idea de como ían ser as carrozas. Uns sacos deseñados e pintados polos propios nenos e nenas servirán de base, para esta vestimenta especial que están a completar estes días para sorprender a todas as persoas que o domingo acudan a ver a Cabalgata de Rois. Os propios menores publicaron hoxe un vídeo no facebok do Concello animando á veciñanza de Rois a participar na cabalgata (ver neste enlace)

O Concello de Rois engloba a Cabalgata de Reis na programación do Divernadal 2019, que facilita a conciliación familiar e laboral da veciñanza de Rois. Este ano están participando 70 nenos e nenas, duplicando a asistencia de anos anteriores. Esta actividade, que está cofinanciada pola Vicepresidencia da Xunta e o Fondo Social Europeo, compleméntase co fomento do respecto a natureza e ao medio natural, que conta co apio da Deputación da Coruña.

É precisamente este respecto á natureza e a intención de poñer en valor o medio natural o que prima na Cabalgata de Reis 2019 de Rois, tanto no deseño das carrozas como nos traxes dos paxes que os acompañarán. E tamén esta mesma liña vaise seguir nos agasallos que o Concello de Rois entregará a todos os nenos e nenas que asistan a falar con Melchor, Gaspar e Baltasar no polideportivo de Rois.

20191230 Traxes cabalgata Rois1

Programa da Cabalgata

Os Reis Magos chegarán este domingo ás 18.00 horas á igrexa de Oín, onde farán a tradicional ofrenda. Despois comezará a cabalgata e desfile das Súas Maxestades e a comitiva real nas espectaculares carrozas deseñadas por Camilo Seira ata o polideportivo dos Dices, pasando por diante do concello.
Un desfile no que dende o goberno municipal animan a participar e pequenos e maiores. Os Magos irán repartindo doces durante todo o percorrido.

No pavillón dos Dices as autoridades municipais recibirán aos Reis Magos, que farán un pequeno discurso e entregarán os premios aos gañadores do concurso de tarxetas de Nadal.

Despois recibirán e falarán con todos os nenos e nenas que queiran facerlles as últimas peticións. Melchor, Gaspar e Baltasar entregaránlles un pequeno agasallo a cada un deles. Agasallos que serán acordes coa idea de respecto ao medio natural.